Escoitar

Comeza o proceso de expropiación de terreos para abrir novas rúas en Teis

xoves, 18 out 2001
O Concello de Vigo principiou os trámites administrativos para expropiar os terreos necesarios para abrir a rúa Pedro Alvarado e ampliar o camiño de Maceiras, en Teis. O Consello da Xerencia de Urbanismo aprobou os proxectos de expropiación, paso previo para poñelos a disposición da Xunta, que xa comprometeu o financiamento das obras necesarias nun convenio que asinaron o alcalde e o conselleiro de Política Territorial.

O Consello da Xerencia acordou declarar de utilidade pública os terreos necesarios para construír estes viais. Ademais, solicitouse á Administración autonómica a declaración de urxente ocupación das parcelas afectadas polo proceso expropiatorio.

O Concello ten interese en resolver o expediente canto antes para que comece a construcción destas duas rúas que contribuirán a aliviar os problemas de tráfico do barrio de Teis. Pedro Alvarado e Maceiriñas converteranse en vías alternativas a Sanjurjo Badía e, ademais, facilitarán o agora complicado acceso a Vulcano, Espiñeiro ou A Guía. O Concello estima que necesitará unha cantidade aproximada aos 30 millóns de pesetas para realizar as expropiacións.


Licencia para construir servicios anexos ao edificio institucional da Xunta

O Concello outorgou a licencia solicitada pola Administración autonómica para realizar obras de reforma no recentemente inaugurado edificio institucional da Xunta. O proxecto presentado prevé o acondicionamento de diversos espacios nos sotos do aparcamento para ubicar neles a central de telecomunicacións e informática, un almacén, o taller de mantemento e uns vestiarios.