Escoitar

O Concello instalará semáforos no cruce das rúas Barcelona e Regueiro

luns, 22 out 2001
O departamento de Tráfico do Concello vai instalar semáforos no cruce da rúa Barcelona con Regueiro. A Comisión de Goberno adxudicou á empresa Esycsa o contrato para semaforizar o cruce por 4.799.000 pesetas. O concelleiro de Tráfico e Transportes, Xoaquín de Acosta, xustificou esta medida pola necesidade de facer máis segura esa confluencia de rúas e evitar así os accidentes que se veñen producindo.

A Comisión de Goberno tamén aprobou a adquisición dunha cámara de control de tráfico que se colocará na confluencia da avenida Arquitecto Palacios coa Avenida de Castrelos. Esta cámara, que estará conectada coa sala de control do Concello, servirá para facer un seguimento continuo do tráfico nunha zona que ten unha alta densidade de circulación. A instalación vaille custar ás arcas municipais 7.384.000 ptas.


O Concello inviste catro millóns de pesetas en adquirir mobiliario urbano para os parques de Vigo

A Comisión de Goberno aprobou o prego de condicións para mercar bancos, papeleiras, mesas e fontes para os parques e xardíns da cidade. O concelleiro Henrique Vieitez explicou que se investirá millón e medio de pesetas na compra de papeleiras para repoñer aquelas que se encontran en mal estado. Outro millón de pesetas servirá para adquirir bebedeiros. Unha cantidade semellante destinarase a mercar mesas e o medio millón de pesetas restante destinarase á adquisición de bancos de madeira.


O amoblamento da antiga casa rectoral do Barrio Histórico custará 7 millóns de pesetas

O departamento de Desenvolvemento e Emprego do Concello vai investir 6.922.094 pesetas na compra de mobiliario para o Centro de Formación en Novas Tecnoloxías da Información que se vai crear no edificio da que foi casa rectoral do Barrio Histórico, un inmoble que acaba de ser rehabilitado.

O Centro de Formación en Novas Tecnoloxías contará con aulas de informática, unha sala multiusos, un pequeño auditorio e diversos despachos.

A Comisión de Goberno concedeu nove axudas municipais á creación de empresas dentro do marco do Plan de Emprego 2000-2003. As subvencións terán como destinatarios homes e mulleres que decidiron crear os seus propios negocios: establecementos comerciais, montaxe de mobles ou actividades de reparación de roupa. Dous dos beneficiarios son persoas con discapacidades físicas. O importe total das subvencións é de 10 millóns de pesetas.