Escoitar

A Ría de Vigo acollerá do 28 ao 31 de xullo unha escala da regata "Le Solitaire du Figaro"<br />

Do 28 ao 31 de xullo a Ría de Vigo acollerá unha escala da regata La Solitaire du Figaro, que este ano cumpre a súa 39 edición. Trátase dunha regata por etapas en solitario e con embarcacións monotipo que segundo subliñaron o conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, e o tenente de alcalde, Santi Domínguez, permitirá promorcionar a cidade como destino privilexiado para as actividades náuticas de carácter europeo. <br />

luns, 21 xul 2008
1216653479Regata.jpg
O conselleiro de Innovación e Industria salientou que a escala en Vigo da Regata La Solitaire du Figaro é un acontecemento "moi atractivo" para promocionar Vigo e as Rías Baixas e lembrou que é a terceira ocasión na que a competición arriba a Vigo e a quinceava que chega a un porto galego. Fernando Blanco salientou a importancia da oferta turística galega vinculada ao mar e lembrou que o investimento global do seu departamento en Vigo no ano 2007 ascendeu a un total de 18,5 millóns de euros.

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, pola súa banda, subliñou que Vigo conta cunha "gran potencialidade" na súa Ría, polo que ao seu xuízo sería "un erro" non aproveitala. "A Ría constitúe un elemento fundamental na promoción turística da cidade", salientou. Neste sentido, na súa intervención, destacou a importancia que supón para Vigo todos os eventos que teñan o mar como escenario. Agradeceu asimesmo apoio da Dirección Xeral de Turismo e da Consellería de Innovación e Industria "pola aposta que están facendo pola cidade nos últimos anos".

Santi Domínguez explicou que unha das liñas de actuación do BNG en materia deportiva consiste na aposta por estender a práctica deportiva a toda a cidadanía, e ao seu xuízo, a celebración deste tipo de eventos na cidade contribúe a acadar este obxectivo.

Dende a organización da regata, pola súa banda, amosaron a súa confianza en que a celebración do evento sexa un éxito e expresaron sentirse "seducidos por Vigo e a súa Ría", á que os barcos chegarán de xeito escalonado o luns 28 de xullo. O martes, día 29, terá lugar unha recepción no Pazo Quiñones de León, o mércores, 30 de xullo, as instalación do Real Club Náutico acollerán a entrega de premios; e finalmente, o xoves 31 de xullo terá lugar a saída dos barcos ata Cherbourg.

Le Solitaire du Figaro é unha regata que se desenvolve por etapas en solitario e con embarcacións monotipo que se convocou por primeira vez no ano 1970 e actualmente organizada polo diario francés Le Figaro. Ten servido de banco de probas para un bo número de campións de vela e dende o ano 1990 dispútase unicamente nas embarcacións Figaro, monotipo deseñado polo Grupo Finot e construídos polos asteleiros Beneteau.
Descargar todas as imaxes