luns, 25 marzo 2024

O Pleno censura ao PP por rexeitar o teito de gasto que afecta a 18 millóns de euros de Vigo

luns, 25 mar 2024

A decisión da dirección estatal do Partido Popular de rexeitar a proposta de teito de gasto aprobada polo Goberno e polo Congreso dos Deputados, que “penaliza a Vigo en 17, 7 millóns de euros”, recibiu hoxe a reprobación conxunta dos concelleiros do PSdeG-PSOE e do BNG. Cos 20 votos dos edís socialistas e nacionalistas, o Pleno Municipal de hoxe aprobou a moción, presentada polo PSdeG-PSOE, que censura aos concelleiros populares por rexeitar no Senado a proposta de teito de gasto, e que lles “esixe” pedir desculpas á cidadanía viguesa polos preto de 18 millóns que ven comprometidos.

O Concello urxe á Xunta a acabar co cofinanciamento dos tres centros de día de Vigo

luns, 25 mar 2024

A Corporación municipal demanda á Xunta de Galicia que asuma a competencia exclusiva que lle corresponde en temas de Benestar Social e que derrogue a obrigación imposta ao Concello de Vigo de cofinanciar tres centros de titularidade autonómica. A moción, presentada polo grupo municipal socialista, contou cos votos dos 3 edís do BNG. Os corporativos urxen á administración galega a liberar os 350.000 euros do cofinanciamento dos centros de día de Teis, Coia e Valladares, para dedicalos a outras necesidades.