Escoitar

A segunda edición de Navalia procura a internacionalización do naval vigués

Os organizadores desta Feira Internacional da Industria Naval presentáronlle este martes ao alcalde o evento que se celebrará os días 20,21 e 22 de maio, e que chega nun "magnífico momento do naval vigués", cun volume de contratacións asegurado ata o ano 2014.

martes, 13 mai 2008
1210685105naval.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, recibiu este martes aos organizadores da segunda edición de Navalia, a Feira Internacional da Industria Naval, Alfonso González Viñas e José García Costas, nunha visita protocolaria de presentación da Feira.

Os organizadores explicaron ao alcalde o "magnífico momento do naval vigués", que ten a súa carteira de pedidos asegurada ata o ano 2014, e con previsións de continuidade. Esta situación, segundo González Viñas "sen precedentes", permitiría ao sector absorber a 1.500 traballadores preparados.

González Viñas explicou que os obxectivos de Navalia pasan por internacionalizar o naval vigués, e a propia Feira, e mostrarse como unha alternativa laboral para a xuventude. Esta segunda edición da Feira conta cun maior número de expositores, gran parte deles internacionais, e a organización procura que os visitantes estranxeiros deste ano tamén superen aos da primeira edición.

Ademais de estender as fronteiras de negocio do naval vigués, González Viñas asegurou que outra das finalidades do sector pasa por lograr a elaboración en Galicia, e por suposto en Vigo, tamén do interior dos barcos, e non unicamente das estruturas.

O sector naval vigués aportou ao Produto Interior Bruto (PIB) da cidade 15 millóns de horas de traballo no pasado 2007, e o obxectivo para 2014 é acadar as 20 millóns de horas, salientou González Viñas.
Descargar todas as imaxes