Escoitar

Santi Domínguez lamenta a visión "parcial" ofrecida en televisión do Casco Vello e reafirma os obxectivos para a súa rehabilitación

"Lamento a visión absolutamente parcial ofrecida nun programa de televisión do Casco Vello de Vigo", subliñou este luns o tenente de alcalde e presidente do Consorcio do Casco Vello, o nacionalista Santi Domínguez, en referenza a emisión o pasado venres do programa "Callejeros" de Cuatro grabado na zona histórica da cidade. "E digo parcial e non falsa, porque a información que se ofreceu é veraz, pero non reflicte o conxunto do Casco Vello vigués", sinalou o tenente de alcalde, quen lembrou que o problema "non é que esta situación saia na televisión, senón que exista".

luns, 5 mai 2008
"Non entendemos o por que desta visión xa que eles mesmos, no momento da grabación do programa, recoñeceron que saltaba a vista o esforzo de rehabilitación que se está levando a cabo", explicou Santi Domínguez, quen indicou que os responsables da reportaxe comprobaron o traballo desenvolvido na zona durante as conversas que mantiveron coa Asociación de Veciños do propio Casco Vello. "Non lamento esta visión pola miña responsabilidade política, senón polos veciños e veciñas que levan moitos anos en esta situación e agora están colaborando co Goberno local e o Consorcio do Casco Vello para buscar solucións aos problemas do barrio", salientou o responsable nacionalista. Neste sentido indicou que incluso os comerciantes da zona manifestaron publicamente o seu disgusto polo feito de que o programa transmitise unicamente unha parte da vida do Casco Vello.

Santi Domínguez manifestou non entender por que "algúns" se rasguan as vestiduras tras ver as imaxes de televisión. "Parece que o único problema é a emisión do programa e non a situación de parte do barrio cos indixentes e os puntos de compra e venda de droga", manifestou en relación as declaracións feitas polo concelleiro do PP, José Manuel Figueroa, quen reclamou a expropiación de 200 vivendas no barrio por parte da Consellería de Vivenda. "Como se pode saír do último pleno reivindicando unha xestión de 30 millóns de euros en investimentos para o Casco Vello e apuntarse ás críticas tras un programa de televisión", pregúntase o tenente de alcalde. "Isto é carroñería política", subliñou.

Na súa opinión "ao ver as imaxes de televisión sobre o Casco Vello de Vigo "o primeiro que tiña era que sentirse profundamente avergoñado, porque foron 16 anos de goberno do Partido Popular na Xunta e 16 anos nos que o Casco Vello estivo completamente abandoado". Ao respecto sinalou que o concelleiro do PP coñece o esforzo desenvolvido pola Consellería de Vivenda para adquirir as vivendas, "polo que actuando así non está sendo fiel aos 66.000 votantes dos que tanto presume". Santi Domínguez indicou que cando unha cidade é tratada con tanta parcialidade, os políticos deben unirse "para reivindicar que isto non é así e non facer oportunismo político". Ademais indicou que tiña esperado de José Manuel Figueroa que manifestara que o Casco Vello "xa está en marcha, e teño que lamentar que non o fixera".

En contraposición á imaxe ofrecida polo programa, o tenente de alcalde deu conta das variadas actuacións que se están a levar a cabo no Casco Vello dende xuño do ano pasado, momento no que se fixou uns obxectivos en colaboración coa Consellería de Vivenda "e un programa de televisión non os vai variar". Neste sentido salientou que o orzamento do Consorcio, que ascende aos 7.413.500 euros para este ano 2008, o máis alto ata esta data. Desta cifra, segundo explicou Santi Domínguez, 6.124.517 euros destinaranse á adquisición e rehabilitación de inmóbeis para habilitalos, preferentemente, como vivendas protexidas e dotacións necesarias para revitalizar o barrio. Indicou que nos últimos dous anos foron adquiridos por esta entidade coarenta edificios para a súa rehabilitación, "algúns dos cales xa teñen iniciadas as obras de vaciado do interior" e que dende xuño do ano pasado se pagaron 73 actuacións de rehabilitación. "Os 16 anos de goberno do PP na Xunta non resisten ningunha comparación cos últimos tres anos de goberno da Xunta en canto a obxectivos e investimentos", subliñou.

En canto ao convenio co Rexistro da Propiedade, Santi Domínguez adiantou que se falla mañá en Madrid a adxudiación do proxecto, de xeito que proximamente se iniciará a rehabilitación do edificio. Indicou tamén que está a desenvolverse o concurso de ideas para conectar transversalmente o Berbés, o Paseo de Alfonso e o Castelo de San Sebastián mediante solucións mecanizadas. Indicou tamén que proximamente sairá publicada a selección de persoal para coidadores de barrio, así como o concurso do contrato especial de limpeza e erradicación de pintadas e lixo. Subliñou, por outra banda, que se están a levar a cabo diversas iniciativas en colaboración coa asociación de veciños e a de comerciantes para lograr a dinamización do barrio, sen esquecer a humanización de Teófilo Llorente e da Porta do Sol e Elduayen ou a próxima firma dun convenio co grupo Imán por máis de 350.000 euros para atender as persoas da rúa.

"Quero pasear polo Casco Vello e quero facelo coa cabeza ben alta, sabendo que estamos a facer todo o posible para dar solucións aos problemas do barrio", sinalou Santi Domínguez, quen pese a lamentar a imaxe parcial ofrecida na televisión sobre o Casco Vello, salientou que seguirá sendo "tremendamente optimista porque temos posto en marcha medidas para conseguir que en dous ou tres anos o Casco Vello poda ser unha zona de encontro".