Escoitar

Comercio e Turismo colaborará coa Escola de Hostelería para mellorar os servizos do sector hosteleiro

O tenente de alcalde, Santiago Domínguez, visitou este mércores a Escola de Hostelería do instituto Manuel Antonio para coñecer de primeira man o traballo que o centro fai na formación dos futuros profesionais da hostelería.

mércores, 24 out 2007
1193230992hosteleria241007.jpg
O tenente de alcalde amosou a súa disposición a artellar mecanismos de colaboración entre o Concello de Vigo e a Escola de Hostelería para contribuir á profesionalización do sector, xa que na súa opinión este é un factor que redunda de xeito significativo na mellora da calidade dos servizos.

Santiago Domínguez percorreu as instalacións e departiu coa directiva do centro e os profesores, interesándose polo seu traballo e as súas necesidades. "O centro conta cunhas instalacións excelentes e uns profesionais de gran nivel. É un exemplo da aposta pola calidade e como concelleiro de Comercio e Turismo penso que temos que aproveitar o labor que aquí se desenvolve en beneficio da cidade, porque este centro é un instrumento que está ao servizo da cidade", salientou.

O tenente de alcalde sinalou que estudará posibles colaboracións entre o Concello de Vigo e a Escola de Hostelería coa finalidade última de mellorar o sector hosteleiro. "Imos buscar liñas de colaboración conxuntas para mellorar a oferta e a calidade dos servizos que ofrece a nosa hostelería", explicou.
Descargar todas as imaxes