Escoitar

O IFEVI acollerá a 14ª edición de Vigoferia do 27 de outubro ao 4 de novembro

Do 27 de outubro ao 4 de novembro, o Instituto Feiral de Vigo (IFEVI) acollerá a 14ª edición do Salón do Moble, Decoración e Interiorismo, Vigoferia, unha cita afianzada xa como un referente da decoración en Galicia.

mércores, 17 out 2007
1192630176ifwvi171007.jpg
O visitante poderá atopar en Vigoferia todo o que necesita para decorar o seu fogar, desde ideas ou novidades en decoración aos distintos artigos que necesita para dar forma aos seus desexos. O obxectivo desta feira é promocionar o deseño galego en todas as súas facetas, para o cal na súa próxima edición destinará 30.000 metros cadrados que a convertirán nunha das máis importantes das que teñen lugar en Vigo.

Un dos sectores máis representativos de Vigoferia é o da fabricación de mobles. Galicia é unha potencia en extracción madeireira, e gran parte deste material convértese posteriormente en mobles, sector que ocupa aproximadamente o 35% da superficie expositiva. Non en balde esta industria dá traballo en Galicia a 23.000 persoas, 17.000 delas de modo directo, segundo o estudo sobre o sector do moble en Galicia realizado polo Grupo de Estudos da Cámara de Comercio de Vigo.

Este traballo pon de manifesto que o subsector de ebanistería, moble e elementos varios de mobiliario é o que conta con maior número de empresas na cadea da madeira en Galicia. Actualmente está formado por 994 empresas de mobiliario e 465 de ebanistería e fabricación de elementos de carpintería e mobiliario.

Pero Vigoferia non é escaparate dun só sector, senón de todos. Na feira están representados os fabricantes de mobles, os vendedores locais, nacionais, estranxeiros, as empresas punteiras en decoración, electrodomésticos, decanso e calefacción, facendo que convivan nun mesmo espazo as últimas tendencias coas apostas decorativas máis clásicas.

Na edición de 2006, o 11,25% dos expositores que participaron na feira eran importadores ou exportadores de mobles, e o 12,5% procedían do sector da decoración e interiorismo. Este último é un sector á alza, como demostran as cifras: os exportadores españois de mobiliario aumentaron a súa actividade nun 12,3% nos primeiros meses de 2007, o que dá unha idea do auxe que este sector está alcanzando.

Vigoferia é unha feira global, dirixida a consumidores de todo tipo que durante máis dunha semana teñen ao seu alcance nun mesmo espazo unha ampla mostra da oferta decorativa actual. O ano pasado a feira superou os 70.000 visitantes.

A presentación de Vigoferia tivo lugar este mércores no Concello, nun acto que contou coa presenza do tenente de alcalde e concelleiro de Comercio e Turismo, Santiago Domínguez, e do presidente honorífico da feira, Antonio Reguera.
Descargar todas as imaxes