Escoitar

Santi Domínguez salienta o impulso que Vigo terá en servicios sociais e vivenda nos orzamentos da Xunta de 2008

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, amosou hoxe a súa satisfacción polo compromiso adquirido polo vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, en relación aos investimentos que a Xunta de Galicia fará o vindeiro ano en Vigo vinculados ás áreas de goberno do BNG.

martes, 16 out 2007
1192539439quintanasanti.jpg
Ao remate da xuntanza que mantiveron hoxe martes en Santiago, e na que tamén participou a concelleira María Méndez, Santi Domínguez salientou a aposta decidida do goberno galego pola mellora dos servizos sociais e a construcción de vivenda de promoción pública.

"O 2008 vai a supoñer un impulso definitivo á prestación dos servizos sociais na cidade. Vai marcar o inicio da revolución tranquila dos servizos sociais. Este é o compromiso do Vicepresidente da Xunta", dixo o tenente de alcalde.

Esa aposta vaise concretar na construcción de tres novos centros de día e tres galescolas. En relación á edificación das galescolas, Anxo Quintana manifestou que quere que Vigo sexa un referente na educación infantil de 0 a 3 anos e adiantou que nos orzamentos de 2009 se contemplará unha segunda fase na construcción de galescolas.

Nos proxectos previstos tamén ten especial importancia á construcción dunha residencia asistida en Navia, que xa conta co proxecto executivo e para o que están asignados sete millón de euros. O Vicepresidente da Xunta instou ao tenente de alcalde a que demande á Xerencia de Urbanismo a posta a disposición de Sogaserso (Sociedade galega de Servizos Sociais) este ano dos terreos para a execución do proxecto, porque existe o risco de perder o investimento xa proxectado.

Deste encontro Santi Domínguez tamén salientou o compromiso da consellería de Vivenda para construir nos próximos catro anos seis mil vivendas de protección oficial en Vigo, e antes de que remate esta lexislatura se construirán xa tres mil vivendas na cidade. A este respeito, tanto o vicepresidente da Xunta como o tenente de alcalde manifestaron que para poder executar este compromiso é iimprescindible contar co Plan Xeral de Ordenación Municipal.

Do mesmo xeito, a consellería de Vivenda destinará unha partida importante ao proxecto de rehabilitación do Casco Vello, para que o 2008 sexa o inicio da tan demandada recuperación do barrio histórico.

A xuntanza permitiu concretar un traballo que as áreas de goberno do BNG iniciaron xa hai meses mantendo contactos co goberno galego vinculadas aos seus departamentos. Deste xeito, tamén se materializará nos vindeiros orzamentos o apoio a proxectos que desenvolverán as concellerías de Cultura, Deportes, Igualdade, Xuventude e Patrimonio Histórico. En canto a Comercio e Turismo haberá un apoio decidido ao plan de Excelencia Turística de Vigo, entre outros asuntos.
Descargar todas as imaxes