Escoitar

Igualdade pon en marcha unha campaña informativa sobre a discriminación laboral das mulleres

A Concellería de Igualdade, dirixida por Iolanda Veloso, vén de pór en marcha unha campaña para informar as mulleres sobre os seus dereitos laborais e evitar así a súa discriminación no traballo. No marco desta iniciativa repartiranse 8.000 exemplares dunha guía de peto sobre esta temática.

mércores, 17 out 2007
1192627838muller1.jpg
Esta guía contén datos de interese en relación a dereitos fundamentais como a igualdade de trato en materia de acceso ao emprego, formación e promoción profesional, o dereito a percibir o mesmo salario por un traballo do mesmo valor, a protección en situación de embarazo ou maternidade e a dignidade no traballo.

Así mesmo, a guía describe as situacións nas que estes dereitos se ven vulnerados, explicando, por exemplo, que significa o acoso sexual laboral e que supón a discriminación por maternidade, e ofrece pautas de actuación ante posibles problemas, animando as lectoras a informarse, adoptar un papel activo, asesorarse e reclamar.

Os 8.000 exemplares editados con motivo desta campaña repartiranse entre o Centro Municipal de Información dos Dereitos da Muller (CIM), a Inspección de Traballo, o Colexio de Avogados, os sindicatos CC.OO., CIG e UXT e o Servizo Galego de Igualdade. Ademais, segundo adiantou Iolanda Veloso, a Concellería de Igualdade intentará que as guías cheguen tamén ás empresas. Os teléfonos das institucións mencionadas inclúense en cada exemplar.

Outros materiais

Ademais, a campaña informativa sobre a discriminación das mulleres no traballo fai uso, desde este mesmo mércores, do espazo web municipal da Concellería de Igualdade, para ofrecer a información contida na guía.

Tamén desde este mércores as pantallas dos autobuses urbanos ofrecen, cada media hora, un anuncio de 20 segundos de duración sobre esta problemática. Poderase ver durante os meses de outubro, novembro e decembro en oito liñas de Vitrasa: C1, C2, C3, C4, L11, L12, C16 e L17.
1192627838muller1.jpg
1192627857iolanda171007.jpg
Descargar todas as imaxes