Escoitar

Santiago Domínguez anuncia que se reformulará o Plan Local de Drogodependencias para chegar a todos os sectores sociais

O tenente de alcalde, Santiago Domínguez, anunciou este martes na visita que realizou ao local da asociación de loita contra as drogas Alborada que o Concello de Vigo está traballando na reformulación do Plan Local de Drogas para facelo máis efectivo e conseguir que dea cobertura a todos os sectores sociais.

martes, 11 set 2007
1189513949alborada110907.jpg
"O noso obxectivo é mellorar as condicións de vida dos veciños e veciñas e particulamerte dos que máis o necesitan. As concellerías do BNG temos ese compromiso e por iso daremos todo o noso apoio a entidades como Alborada que desenvolven un traballo social moi importante", salientou Domínguez. A este respecto, o tenente de alcalde precisou que o que hai que conseguir é ser máis eficaces e próximos e, por iso, cómpre planificar o traballo que se fai e coordinar esforzos.

O tenente de alcalde estivo acompañado nesta visita pola concelleira de Benestar Social, María Méndez, que nos últimos meses está mantendo contacto con todos os colectivos implicados no Plan Local de Drogas coa finalidade de recabar as súas suxestións e facer unha planificación desta ferramenta para que no prazo de dous anos se poida traballar chegando a todos os eidos. Segundo explicou, nestes momentos hai varias asociacións incidindo nun mesmo sector e outros que están desatendidos. O que se pretende é que cada unha teña un campo específico no que desenvolver o seu traballo e desta forma abranguer o maior sector da poboación posible.

Santiago Domínguez e María Méndez puideron comprobar na visita a Alborada cal é o labor que desempeña esta asociación e as súas necesidades. Segundo lles explicou o director do centro, Jesús Cancelo, pola unidade asistencial pasan diariamente 200 persoas e outras 24 acuden ao centro de día da asociación.
Descargar todas as imaxes