Escoitar

Os arquitectos presentan o proxecto de ordenación da praza da Independencia

venres, 20 xul 2001
O equipo de arquitectos que deseñou o aparcadoiro da praza da Independencia acaba de presentar no Concello o proxecto de ordenación da praza encargado pola Corporación municipal. Este proxecto está a ser informado polos técnicos municipais e será sometido a aprobación a vindeira semana.

O proxecto prevé un tratamento uniforme de toda a praza e das rúas adxacentes no seu treito ata Álvaro Cunqueiro. Colocaranse pedras de granito de 14x14 con superficie horizontal areada. Esta superficie de pedra suavízase na parte central con zonas de céspede.

O monumento, peza emblemática da praza, desprazarase lixeiramente para evitar o carácter de centralidade que viña dado pola súa antiga función de rotor de tráfico. En calquera caso, poderá seguirse vendo dende todas as embocaduras das rúas que conflúen na praza.

Crearase un anel de árbores no interior da praza. Está prevista a plantación de 60 unidades de diversos tipos: camelios, pradairos, faias, magnolios, tileiros... co obxectivo de formar unha masa vexetal o máis compacta posible. Tamén se prantarán árbores nas rúas que conflúen na praza, pero dispostos en ringleira.

Na rúa Pintor Colmeiro aproveitarase a forte pendente para crear unha lámina de auga disposta en chanzos que rematará nun plano verde ao pé do grupo escultórico. O mobiliario urbano estará composto por unha vintena de bancos, medio cento de papeleiras e dúas fontes de pedra.

Para o alumeado utilizaranse modelos de farolas de dobre altura segundo a súa localización. Instalarase un sistema de recollida de augas pluviais, do que ata agora carecía a praza. Tamén se construirá unha rede de rego automático.

Os carrís de circulación serán sinalizados con bolardos de fundición ou aceiro. Estableceranse tres carrís de circulación nunha beira da praza (2 Travesas-centro e 1 centro Travesas). Facilitarase o acceso aos garaxes a través das rúas adxacentes e prevese tamén un carril perimetral exclusivamente para carga e descarga.

O presuposto estimado para a remodelación da praza é de 307 millóns de pesetas.