Escoitar

Constituída unha comisión de seguimento da peonalización do Barrio Histórico

venres, 20 xul 2001
O concelleiro de Tráfico, Xoaquín de Acosta, acordou constituír unha comisión para facer un seguimento do proceso de peonalización do Barrio Histórico. A comisión estará integrada por técnicos do departamento de Tráfico e Seguridade e por representantes dos veciños e comerciantes da zona. A súa misión é a de analizar os problemas puntuais que poidan xurdir durante a aplicación do plan.

Na primeira xuntanza da comisión debateuse o procedemento para a solicitude das tarxetas de residente que dan dereito a aparcar no barrio. Acordouse que poden reclamar esa tarxeta as persoas que proben estar empadroadas na zona e que posúan un vehículo para uso particular co mesmo enderezo. Para evitarlle gastos aos solicitantes, será o departamento de Tráfico o que se encargue de verificar que os peticionarios se encontran ao corrente de pago dos seus impostos municipais e de posibles sancións de circulación.

O Concello agarda que, a finais de mes, comecen as obras de instalación dos sistemas para impedir a circulación de vehículos por determinadas rúas e a sinalización das zonas de aparcamento.