Escoitar

Tres mil quilos de mexillón e catrocentos de empanada degustaranse este domingo en Castrelos

venres, 20 xul 2001
Na sexta edición da Festa do Mexilón, que se celebra o domingo 22 no parque de Castrelos de Vigo dentro do programa de Festas do Cristo da Victoria, poderán degustarse a prezos populares 3.000 quilos deste molusco, tanto ó vapor como en escabeche, ademais de 400 quilos de empanada e 2.000 litros de viño.

Con esta celebración, enmarcada nas festas do Cristo da Victoria, dáse a saída ás celebracións gastronómicas que se organizarán na cidade durante o verán, e que se completarán coas festas da sardiña e do polbo os días 11 e 12 de agosto respectivamente.

A festa comezará o domingo a partir das once da mañá, momento no que os visitantes poderán achegárense ata o recinto para ver o espectáculo que ofrecerá, a partir das doce, o grupo de baile da parroquia de Coia, “Peña Xuntanza”.

Ás 13.00 horas, o xornalista Eduardo Rolland lerá o pregón deste encontro festivo no que enxalzará este prezado alimento tan abundante na ría viguesa.

A continuación, procederase á entrega do “mexillón de ouro”, galardón otorgado polo Concello de Vigo.

Ó redor das dúas da tarde, pecharanse os postos e terá lugar unha comida campestre dos membros da Federación de Peñas Recreativas “O Olivo”, agrupación organizadora deste festa que conta coa colaboración do Concello de Vigo. Os organizadores esperan que acudan máis de 10.000 persoas procedentes de distintos puntos do sur de Galicia.

Os postos de comida e bebida volverán abrirse ás cinco da tarde, e para as 19.00 horas está prevista a actuación do grupo de baile “Lembranzas Galegas” que amenizará o evento.