Escoitar

Caballero anuncia unha "reunión inmediata" para desbloquear a construción do Auditorio

O alcalde, Abel Caballero, anunciou este martes unha "reunión inmediata" con Pazos de Congresos S.A., concesionaria do Auditorio-Pazo de Congresos de Vigo, e coa UTE César Portela Fernández-Jardón e Idom Ingeniería y Consultoría, redactora dos proxectos básico e de execución desta infraestutura, para garantir a súa construción "no prazo debido".

martes, 17 xul 2007
1184676363caballero170707.jpg
Caballero afirmou que a construción do Auditorio pasa por unha "situación de extrema gravidade", despois de que a empresa concesionaria lle fixese chegar ao Concello onte luns unha carta na que manifesta a súa disconformidade co proxecto de execución presentado polos arquitectos. Este proxecto contempla un orzamento de 154,5 millóns de euros, sensiblemente superior ao de 85,7 millóns do proxecto básico presentado por Pazos de Congresos S.A. en xullo de 2006 e aprobado polo Goberno local en outubro dese mesmo ano.

Na súa carta ao Concello, Pazos de Congresos S.A. fai saber que non asume o mencionado proxecto de execución, ao considerar que se elaborou "prescindindo de forma notoria das características económicas recollidas na oferta presentada pola concesionaria". Esta circunstancia "determina", segundo a empresa concesionaria, que o proxecto de execución "non poida ser aprobado polo Concello de Vigo". A aprobación do proxecto por parte do Concello levaría a Pazos de Congresos S.A. a "valerse dos cauces legais que a asisten para facer fronte ás modificacións dos contratos administrativos".

Abel Caballero asegurou que o Concello "non vai asumir un só euro máis" para financiar a construción do Auditorio. O alcalde aclarou que "a concesionaria é a que ten que arranxar este problema" e engadiu que lle esixirá a Pazos de Congresos S.A. o cumprimento das especificacións de calidade e dos prazos das obras, que sitúan a finalización do Auditorio dentro de dous anos aproximadamente. Neste sentido, Caballero garantiu que os traballos se realizarán nas datas previstas.
Descargar todas as imaxes