Escoitar

Vitrasa incorpora 15 novos autobuses á súa flota

A empresa de transporte colectivo de Vigo, Vitrasa, en colaboración co Concello, presentou este martes 15 novos autobuses que pasarán a formar parte da actual flota da compañía.

martes, 17 xul 2007
1184677177vitrasa1707.jpg
Vitrasa investiu máis de tres millóns de euros na adquisición destes novos vehículos, co obxectivo de mellorar o servizo que presta na cidade de Vigo e na súa área metropolitana. Coa incorporación destes autobuses, o 85% da flota de Vitrasa é accesible para minusválidos. A lonxitude dos novos vehículos oscila entre os 12 e os 18 metros e entre todos teñen capacidade para 1.580 pasaxeiros.

Entre os novos avances técnicos destacan a instalación de piso baixo integral, motores Euro V con sistema SCR (urea), suspensión pneumática e sistema de elevación de chasis, sistema de freos electrónicos con ABS e ASR, sistemas de aire acondicionado e calefacción, sistema GPS, preinstalación para SAE, billeteiras e validadoras e preinstalación para pantallas de información SIAM (Sistema de Información en Autobuses Metropolitanos).

Trece dos novos vehículos son da marca Mercedes Modelo Citaro O 530 de 286 CV de potencia, cilindrada de 6,37 litros e caixa de cambios ZF. Estes 13 vehículos teñen unha lonxitude de 12 metros e capacidade para 30 persoas sentadas, 66 de pé e dous postos para cadeiras de rodas.

Os outros dous vehículos son da marca Mercedes Modelo Citaro G O 530 de 354 CV de potencia, cilindrada de 11,97 litros e caixa de cambios VOITH. Cunha lonxitude de 18 metros, teñen capacidade para 41 persoas sentadas, 110 de pé e dous postos para cadeiras de rodas.

Accesibilidade total

Os 15 autobuses presentados este martes contan con rampa eléctrica, o que facilita o acceso de persoas que se desprazan en cadeira de rodas. Coa adquisición destes vehículos, 101 dos 118 autobuses da flota serán totalmente accesibles grazas a plataformas baixas, rampas eléctricas e rampas manuais.

Estes novos vehículos, ademais de mellorar o servizo que a compañía presta aos cidadáns, representan unha mostra máis do traballo desenvolvido por Vitrasa para favorecer a integración social das persoas con algún tipo de discapacidade.

Evolución tecnolóxica

Os novos autobuses levarán incorporado o sistema SIAM, unha medida innovadora coa cal o usuario pode coñecer, a través de pantallas situadas no interior dos autobuses, o movemento en tempo real dos vehículos sobre un rueiro da cidade. Durante os últimos seis meses, Vitrasa xa incorporou 60 pantallas nas principais liñas da cidade, sobre todo nas circulares.

Respecto polo medio ambiente

Para reducir as emisións de gases á atmosfera, Vitrasa aposta polos motores Euro V. Con este sistema, redúcense os óxidos de nitróxeno dos gases de escape, optimízase a combustión do motor para acadar unha maior potencia cun menor consumo de combustible e xéranse menos partículas.

Máis vehículos en novembro

En novembro deste ano a empresa ten previsto continuar coa renovación da flota coa incorporación de 15 autobuses máis. Isto suporá un novo investimento de máis de tres millóns de euros.
Descargar todas as imaxes