Escoitar

Xuventude entregará a través dun concurso 500 entradas para Galiexpo Motor Show

"Como se chama a persoa que realizou a exposición de fotografía que está no Punto Xove?" Os que respondan a esta pregunta no correo electrónico xuventude@vigo.org obterán unha ou dúas das 500 entradas para Galiexpo Motor Show 2007 do concurso organizado pola Concellería de Xuventude.

xoves, 14 xuñ 2007
1181811744galiexpotuning.jpg
A resposta, que se dará unicamente a través do mencionado correo electrónico, deberá ir acompañada dos datos persoais do concursante, o seu número de DNI e un teléfono de contacto. Unha vez que a resposta sexa cotexada como correcta polo equipo profesional da Casa da Xuventude, remitirase un correo electrónico de confirmación para que os gañadores pasen a recoller as entradas no Punto Xove (r/ López de Neira, 27), en horario de 09.30 a 14.00 horas, de luns a venres, e de 17.00 a 20.00 horas, de luns a xoves. O correo electrónico de confirmación imprimirase e presentarase xunto co DNI para que a recollida das entradas sexa efectiva.

A Concellería de Xuventude entregará un máximo de dúas entradas por persoa. Só se poderá concursar unha vez. O prazo para presentarse ao concurso finalizará ao se esgotaren as 500 entradas.

As bases do concurso poden consultarse en www.xuventudevigo.org.

Galiexpotuning celebrará os días 29 e 30 de xuño e 1 de xullo no IFEVI á súa terceira edición transformado en Galiexpo Motor Show. Deste xeito, deixará de ser un salón dedicado exclusivamente ao túning para dar cabida tamén aos turismos, os automóbiles clásicos, os todoterreos e as motos, todo isto acompañado da vertente máis espectacular do mundo do motor.

Os máis de 100 expositores que estarán presentes no recinto feiral de Cotogrande poderán mostrar os seus produtos da forma máis atractiva, mesmo utilizando o show como recurso, para conseguir o máximo impacto no público asistente. O comité organizador espera alcanzar os 100.000 visitantes, superando así os 87.000 do ano pasado.

Máis información en www.galiexpo.com.
Descargar todas as imaxes