Escoitar

"Encontros" reúne as obras de tres médicos na Casa Galega da Cultura

A Casa Galega da Cultura acolle ata o próximo 8 de xullo a exposición de pintura, ecultura e gravado "Encontros", que reúne obras de Xosé García Albeos, Mario Hortas e Antonio Días Pedreira. Os tres teñen en común que son médicos.

martes, 12 xuñ 2007
1181653383encontros120607.jpg
Xosé García Albeos

A Xosé García Albeos gustoulle desde neno o debuxo e a pintura, pero a súa profesión impediulle a dedicación asidua durante moitos anos. Autodidacta, aínda que asistía de cando en vez a algún estudo de arte, en 2002, máis libre, comeza a pintar con maior dedicación. A súa amizade co pintor Montes, mentor seu, animouno a traballar con máis constancia, pois foi el quen detectou en Xosé García Albeos a luz dun auténtico creador.

A súa obra foi axiña de tal calidade que mesmo docentes de sona das artes, como o profesor Antón Castro, falan encomiablemente del e mesmo o comparan con pintores de gran renome. Sobre todo na plasmación da paisaxe galega na que as brumas, a humidade, a cor e mesmo esa misteriosa, doce e saudosa impregnación que emana da nosa terra é captada pola mirada deste artista.

Mario Hortas

A primeira vez que Mario Hortas colleu un cincel e unha maceta, deixadas "ata o luns" por un canteiro diante da pedra, deulle por probalas e así atopou a súa vocación: fixo un neno de granito que parecía respirar. Na obra deste escultor está presente sempre iso que se deu en chamar galeguidade, que ten a súa pegada no que se coñece como o noso románico. Non hai máis que achegarse á obra de Hortas para pensar no mestre Mateo e en tantos canteiros-escultores da Idade Media que sen sabelo xa transmitían a mesma mensaxe que transmitirían co tempo os novos escultores.

Antonio Díaz Pedreira

Comezou realizando pola súa conta xilografías e linoleografías en 1979, cando exercía a Medicina no País Vasco. Pasou logo polos obradoiros de gravado de Cristina Sicilia e de Raimundo Orozco. Ao dominio da técnica e á súa perfección no debuxo únense un coñecemento das correntes e vías polas que transcorre o gravado hoxe en día, situando a súa liña creadora nese equilibrio que casa o clásico coa máis audaz vangarda e que coloca á súa obra e a el mesmo na nómina dos máis destacados gravadores. Proba diso é o seu currículum e a aceptación que teñen as súas exposicións.

Horario

A mostra "Encontros" pódese visitar de luns a venres, de 18.00 a 21.30 horas; os sábados de 11.00 a 14.00 e de 18.00 a 21.30 horas, e os domingos e festivos, de 11.00 a 14.00 horas.
Descargar todas as imaxes