Escoitar

Inauguración da exposición "Imaxina e comparte mais"

A concelleira Lucía Molares ven de inaugurar a exposición do Proxecto Conta con Elas "Imaxina e comparte mais" que se exhibirá na Lonxa do Concello do 5 ao 16 de marzo. A exposición pretende ser un espello que reflicta e reflexione sobre a situación das mulleres.

luns, 5 mar 2007
1173102676lucia.jpg
A mostra, xunto coa nova presenza do Bus da Igualdade en Vigo, son algunhas das actividades que o Proxecto realiza ao redor da data do 8 de marzo, Día da Muller.

A exposición amosa, mediante ilustracións e textos, moitas da situacións de desigualdade que se dan tanto no eido persoal e familiar como laboral. A montaxe consta de dous soportes diferentes. Por unha banda, uns paneis nos que se describen as situacións e termos mais frecuentes na desigualdade e nos que prima o aspecto informativo. O texto está ilustrado con debuxos alusivos ao contido explicado.

Por outra banda hai uns cubos nos que o contido principal é o debuxo, nalgúns casos acompañados dun breve texto. A organización da exposición, tanto nun caso como noutro, é mediante cores.
A verde refírese aos esquemas do pasado, a laranxa á situación actual e a azul ao futuro que desexamos.

Nun repaso da evolución da desigualdade, destácase que o desexable para un futuro é a corresponsabilidade nas tarefas familiares, de forma que homes e mulleres compartan a necesidade de compatibilizar vida persoal e laboral.

Como indica un dos textos da exposición, "por corresponsabilidade enténdese a distribución das tarefas do traballo doméstico entre mulleres e homes como a xestión do fogar, o coidado de fillas e fillos, a atención das persoas maiores, etc. A corresponsabilidade esixe que os homes asuman as súas responsabilidades dentro do traballo doméstico, para o que é preciso unha implicación e vontade persoais".

O Bus da Igualdade estará presente nas rúas viguesas desde o día 5 ao 16 de marzo nas ubicacións que se especifican no documento adxunto.

O Proxecto Conta con Elas enmárcase dentro da iniciativa Equal do Fondo Social Europeo, dedicada a promover novos métodos de loita contra toda clase de discriminación e desigualdade no acceso a un mercado de traballo aberto a todos e todas, a través da sensibilización en materia de igualdade de oportunidades entre homes e mulleres para corrixir a segregación horizontal e vertical no eido laboral. O orzamento do proxecto, preto dos tres millóns de euros, é un dos máis altos de España.
Descargar todas as imaxes