Escoitar

Os mellores de Galicia e o Norte de Portugal mídense no Eixo Atlántico de balonmán

Os catro mellores equipos de balonmán de Galicia medirán as súas forzas cos catro mellores do Norte de Portugal no VI Torneo Eixo Atlántico, do 17 ao 20 de agosto no Pavillón das Travesas.

mércores, 2 ago 2006
1154523418balonmanEixo020806.jpg
Presentación do evento
Frigoríficos do Morrazo, Octavio, OAR Coruña e Teucro por parte galega e nesta orde de preferencia, enfrontaranse a Isave, Aguas Santas, Braga e Porto FC, representantes portugueses en orde ascendente segundo a súa clasificación na súa liga nacional. Deste modo, prepárase o camiño para unha final do maior nivel posible.

O torneo abrirase o día 17 cos partidos de cuartos de final entre o Frigoríficos e o Isave, ás 19:00 horas, e o Octavio e Aguas Santas, ás 21:00. A primeira rolda completarase o día 18 cos encontros entre OAR e Braga, ás 19:00, e Teucro e Porto, ás 21:00.

A primeira semifinal, resultado dos partidos de cuartos do día 17, terá lugar o 19 ás 18:00 horas. Ás 20:00 desputarase a segunda, cos gañadores das eliminatorias do día 18. A final será o día 20 ás 12:00.

En palabras da concelleira de Deportes, Lucía Molares, o Torneo Eixo Atlántico de Balonmán, que ten lugar en Vigo por segundo ano consecutivo, é "unha aposta do Concello por un dos deportes con máis seguidores".

Para o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, este torneo "está claramente consolidado", tanto que "é un dos tres máis importantes da Península Ibérica". Segundo Vázquez Mao, o Torneo Eixo Atlántico é unha ocasión inmellorable, "case a única", para "testar os novos xogadores" e o nivel dos equipos galegos e portugueses durante a pretemporada.
Descargar todas as imaxes