Escoitar

A maxia grega aterriza na Praza da Estrela

A Semana de Teatro en Familia chega hoxe martes á súa segunda cita da man de Teatro Paraíso, que representará a partir das 20:00 horas na praza da Estrela "Mi odisea". Esta obra é unha versión cómica do mito grego, e conta como catro tripulantes, a bordo dunha fráxil patera, loitan por chegar a terra tras cruzar un mar cheo de dificultades.

martes, 1 ago 2006
1154429528odisea.gif
Esta particular Odisea transcurre no mundo contemporáneo, e mistura elementos tráxicos, épicos e cómicos. A obra foi premiada en numerosos festivais, como no XXI Certamen Nacional de Teatro Arcipreste de Hita, no II Certamen Nacional de Teatro Garnacha de Rioja ou no III Certamen Nacional de Teatro Ciudad Medina de Pomar.

Sinopse

Catro tripulantes a bordo dunha fráxil patera loitan desesperadamente por chegar á beiramar rica despois de atravesaren un mar de dificultades. Para estes anónimos "espaldas mojadas" A Odisea non fixo máis que comezar.

Dous mil setecentos anos despois de que Homero crease un dos máis grandes poemas épicos de todos os tempos, Teatro Paraíso e Toni Albá revisaron o texto e recrearon unha nova Odisea rescatando os seus episodios máis relevantes e coñecidos.

"Mi Odisea" transcorre no mundo contemporáneo e contén elementos tráxicos, épicos e cómicos. En "Mi Odisea" Ulises e a súa tripulación deambulan polo Mediterráneo á procura dunha nova Ítaca: Europa.

Son inmigrantes ilegais que loitan por facer realidade os seus soños. Para conseguilo pasarán por duras probas e penosas adversidades, padecerán tormentas, loitas sen cuartel e visitarán estraños lugares. Ante os seus ollos desfilarán monstros, deuses, mendigos, xigantes, pretendentes e seres viles ata que se reencontren cos seus seres queridos e o seu can fiel.

O espectador, desde unha acolledora praia imaxinaria, contemplará a epopea máis singular xamais contada.
Descargar todas as imaxes