Escoitar

Bando do Día de Galicia 2006

venres, 28 xul 2006
Nos anos 30, tal día como hoxe, o xornal "A Fouce", voceiro da Mocedade Galega en Bos Aires abría deste xeito a súa cabeceira :"A lingua é a base, a máis xenial e orixinal obra de arte que cada nación desenvolve", limiar ó que seguía esta arenga de Alfredo Brañas :" Cantai galegos o himno xigante, cantai galegos a idea santa da independencia da nosa patria…".
Pois ben, á beira destas proclamas, viñan publicados outros reclamos máis prosaicos como eran os dos anunciantes :" Vicente Barro e cía. Pintura de obras, Calle Belgrano", " Tenda A Muñequita, Cisneros e irmáns. Artigos finos para señoras, homes e nenos. Calle Tucumán", ou ben, "Herminia Somoza, camisas a medida. Calle Lima"…. e así un longo etcétera.
Dalgún xeito, esta mistura supón o exemplo paradigmático dun principio de realidade teimudo e inexorable: os países fanse entre idiomas, bandeiras e himnos e tamén entre camisas a medida, pintura de obras e artigos para señoras, homes e nenos; traducido ós nosos días, industria téxtil, do automóbil, pesca, granito, viños, etc.
Setenta anos despois, a Galicia que hoxe celebra o seu Día Nacional semella un rico pastel de milfollas, cobizoso, con bo aspecto e presenza, pero que, ás veces, custa dixerir e noutras fainos atragoar.
Formamos unha sociedade civil artellada como o famoso pastel, feito de partes que se tocan, pero conservando celosamente cada unha delas a súa propia textura e idiosincrasia.
Alen da nosa condición social, o minifundio mental marca a ideoloxía das nosas íntimas condutas; movémonos na desconfianza, no medo, ás veces no desprezo, ou nos mil arquetipos sobre o outro: os que falan castelán sobre os que o fan en galego, e viceversa, os que pensan nun idioma e falan noutro, e viceversa, os que manexan un mal castelán sobre os que consideran falan mal o galego, os que pensan en galego "común" sobre os que falan o normativizado, os que cren que Galicia é nai e señora sobre os que cren que padece a síndrome de Cincenta; en definitiva os que postulan a estética sobre a ética á hora de falar dun proxecto de país …e así ata un infinito que converte a Galicia nun inmenso laboratorio onde está por facer o estudo que amose a relación entre a linguaxe, idiomas e estrutura psicosocial, íntima e pública, e que, a ben seguro, daría luz sobre a complexidade do modelo socio-psico-lingüístico que artella os vectores estruturais do noso tecido social, da nosa autoestima, dos nosos afectos ou da dificultade para construír unha sociedade civil activa e fiscalizadora da "res pública".
Pastel de milfollas que baixo a presión da realidade convértese nun magma no que tódolos galegos nos recoñecemos como un conxunto social distinto, e o facemos, en grande parte, baixo unha palabra do noso himno, unha palabra dura, dita sen tremendismo ou vitimismo, pero por desgraza real e contemporánea, "inxuria".
Velai novas recollidas no mes de xullo dos xornais galegos de lectura común:
" Galicia soporta unha tasa de precariedade laboral do 34 %, o triple que a U.E."
"Galicia perdeu 1.130.000 habitantes por la emigración a América entre 1835 y 1970"
" Mariñeiros do Arousa Quince din sentirse desamparados por España"
" Galicia recadaría 25 millóns se aplicase o canon de Estremadura sobre as empresas enerxéticas"
" As infraestruturas pendentes: ninguén ten Madrid tan lonxe".

E un longo etc. ó que poderíase engadir , especialmente dende Vigo, e o sabe ben o tecido socioeconómico da cidade, o que acontece co AVE, co aeroporto, por poñer só dous exemplos.
Pero non é de agora, amén dos nosos propios erros e incapacidades, baixo gobernos centrais de distinta caste, fomos e seguimos sendo periféricos dun sistema que, a forza de ignorarnos, nós recoñece como distintos. Á forza de ignorarnos, en parte, costruíron a trabe que nos fai sentir e vivir o día a día da nosa realidade periférica, entre vivencias de lonxanía, incomprensión, cando non de manifesto enfado.
Pero, queridas amigas e amigos, é 25 de xullo, e suponse que debemos proclamar o dereito a ser feliz nesta terra, unha terra xusta e solidaria. Mais, seguindo a máxima da psicoterapia, os tempos son chegados e cómpre, é urxente ser felices; xa que o proxecto común manifesta dabondo os danos colaterais do paso do tempo; sobre calquera outro emblema identitario, no idioma e no afastamento das xeracións dos SMS respecto ó que supón este Finisterrae, omega de Europa.
E pese a todo, o país conta con xente diversa que forman, a xeito de Santa Compaña de vivos, un forte colectivo da esperanza que advirte que Galicia, corredor de fondo ó limite do esforzo, non se merece ter por horizonte unha meta que a converta nunha franquía, nun parque temático economicodependente e coa ameaza da deslocalización como nova espada de Damócles.
É dia de festa, e a ela nos concita o texto de Eduardo Pondal, pedíndonos o esforzo dos bós e xenerosos á procura desa utopía colectiva chamada Galicia; cómpre, é urxente ser felices nesta terra, mesma terra nai para os que se quedan no verso dezaseis do noso himno: "fogar, fogar de Breogan", como dos que , versos máis alá, proclaman " nación, nación de Breogan".
25 de xullo de 2006
A ALCALDESA

CORINA PORRO MARTÍNEZ

Este Bando foi redactado por Antón Seoane-Pampín Montenegro,
Dr. en Psiquiatría, Cofundador do Grupo "Milladoiro"