Escoitar

O Pleno acorda non aprobar "ningunha ampliación" da depuradora do Lagares

O Pleno da Corporación Municipal chegou hoxe xoves a un acordo unánime sobre o informe-proposta da Comisión de Seguimento da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) do Lagares, xunto co informe de valoracións estimadas, por un importe de 13.166.000 euros.

xoves, 27 xul 2006
1154004304depura270706.jpg
Unha representante dos veciños interveu ao inicio da sesión
Despois dun longo debate sobre a aprobación destes documentos, no que os grupos da oposición presentaron as súas propias propostas, os concelleiros reuníronse fóra do Salón de Plenos para consensuaren unha postura común en relación á EDAR do Lagares. Todos coincidían en sinalar esta depuradora, causante de malos cheiros que afectan aos veciños e á zona natural protexida da zona, como un dos principais problemas de Vigo.

Tras a pausa, o alcalde accidental, José Manuel Figueroa, deu conta do compromiso conxunto dos grupos políticos de non defender "ningunha ampliación" da depuradora do Lagares. Ademais, os veciños da zona, algúns dos cales estaban presentes na sesión plenaria, poderán negociar co Concello o seu realoxo fóra da área afectada polos malos cheiros.

Así mesmo, os concelleiros decidiron incorporar ao acordo a proposta do nacionalista Xavier Toba de dotar a depuradora de tratamento terciario de augas. Esta operación suporía un investimento, segundo cálculos dos técnicos municipais, duns cinco millóns de euros.

Tamén se aceptou a proposta do PSdeG-PSOE de garantir o cumprimento do acordo determinando, a través dos servizos técnicos das administracións que colaboren nas obras necesarias para a mellora da depuradora, a idoneidade destas tanto en materia de contaminación como de malos cheiros. Para iso considerarase, ademais, a posta en marcha dun sistema de desodorización.

Por outra parte, o Pleno instou á alcaldesa a incoación dun expediente para depurar responsabilidades e que afectaría á concesionaria do servizo en cuestión. Tamén se insta á alcadesa a solicitar o financiamento necesario para as obras de corrección das deficiencias e optimización do funcionamento da depuradora. Esa solicitude, segundo propuxo o grupo socialista, irá acompañada da depuración de responsabilidades e, se procede, de accións de reclamación por vicios ocultos e por deficiencias de mantemento. A alcaldesa, de acordo cunha proposta do BNG, conveniará coas outras administracións o programa de obras necesario.

Por último, outra proposta dos socialistas incorporada ao acordo é a de regular a titularidade dos terreos para que o Concello sexa o titular rexistral destes e da propia instalación.

Nova concelleira do PSdeG-PSOE

Na sesión plenaria de hoxe xoves tomou posesión do seu cargo como concelleira, Alicia Garrido González, dentro do grupo municipal do PSdeG-PSOE.
1154004304depura270706.jpg
1154004343aliciapsoeA.jpg
1154004394aliciapsoeB.jpg
Descargar todas as imaxes