Escoitar

O Concello busca un tráfico urbano máis áxil e fluído

O concelleiro Antonio Coello fixo hoxe mércores un repaso das campañas e actuacións realizadas polo seu departamento en materia de transporte e de seguridade. Segundo Coello, o tráfico en Vigo estase a redistribuír, desprazándose do centro urbano ao resto do municipio.

mércores, 26 xul 2006
1153918845coello260706.jpg
Antonio Coello
Así, os últimos datos sobre o tráfico reflicten un descenso xeneralizado do número de entradas e saídas de vehículos nos puntos estratéxicos da cidade, entre os cales destacan a saída da avenida Antonio Palacios cara á avenida de Castrelos, a entrada a San Roque desde Gandarón, a entrada ao cruce da avenida Castelao-Redondela desde O Porriño, a saída da avenida Antonio Palacios cara á Estación de Autobuses e a saída da avenida de Madrid desde San Roque cara a estrada provincial (Vía Central).

Antonio Coello salientou a diminución das intesidades de vehículos no centro urbano, o que se traduce en menos contaminación, nun tráfico máis áxil e fluído e, en definitiva, en "máis calidade de vida para os cidadáns". Como exemplo, o dossier entregado polo concelleiro rexistra a caída da intensidade de tráfico en Gran Vía (desde Hispanidade cara á praza de España), dos 37.256 vehículos/día do período de abril a xuño de 2005 aos 35.409 do mesmo período deste ano.

Ademais, a entrada en vigor, o pasado 1 de xullo, do carnet por puntos fixo que os vehículos que pasan polo paso inferior de Beiramar o fagan a bastante menos velocidade. Así, se en xullo de 2005 se circulaba a unha media de 75 km/h, os datos deste mes dinnos que a velocidade media non chega aos 68 km/h. Ao mesmo tempo, a velocidade media na cidade de Vigo incrementouse en cada un dos 20 itinerarios estudados, con variacións de máis de cinco km/h na maioría dos casos, o que dá conta da axilización do tráfico urbano.

Antonio Coello sumou a estas melloras a restricción do tráfico pesado na cidade de Vigo, que se está ultimando, do mesmo xeito que a instalación de novos cinemómetros en puntos clave do litoral vigués (avenidas de Samil e de Europa, túneles de Beiramar e da AP-9 e saída de acceso ao Porto de Vigo), e a potenciación do transporte colectivo coa mellora da accesibilidade dos vehículos, o incremento do número e frecuencia das liñas e a incorporación a estas de modernas tecnoloxías como a que permite coñecer a hora de chegada dos autobuses a través do teléfono móbil.
Descargar todas as imaxes