Escoitar

Aprobadas obras dentro do Plan Parroquias por valor de 1,7 millóns de euros

A Comisión de Xestión Municipal reuniuse hoxe xoves para aprobar un conxunto de obras por un valor total de 1,7 millóns de euros, dentro do Plan Parroquias. Os traballos, que consistirán na maioría dos casos na construción de beirarrúas, iniciaranse probablemente a partir de setembro.

xoves, 13 xul 2006
1152792151travesia250506.jpg
A alcaldesa visitou en maio as obras da Travesía de Vigo
A máis custosa das actuacións é a que se realizará na Travesía de Vigo, onde se remodelarán as beirarrúas incluídas na segunda fase das obras de mellora. Estas obras suporán un gasto de 1.061.000 euros e seguirán o modelo empregado na primeira fase.

Seguen en importancia a esta actuación as obras de humanización da rúa Cruz Branca, por valor de 250.000 euros e que se farán seguindo o modelo da humanización do Calvario.

Os traballos na Travesía de Vigo e na rúa Cruz Branca comezarán no mes de setembro, se se cumpren os prazos previstos no procedemento administrativo que deben seguir estes proxectos.

Por outra parte, o acordo da Comisión de Xestión Municipal contempla a construción de beirarrúas nas rúas Coutadas-Salgueiras (36.000 euros), Cantabria (82.000), Manuel Cominges-Matamá (59.655), San Cristóbal-Candeán (85.000) e nas baixadas á Salgueira (82.000) e a San Paio de Navia (40.000). Serán beirarrúas construídas con formigón acabado en cor e con terrazo de 64 tacos.

O Goberno municipal calcula que a construción destas beirarrúas comezará a partir de mediados de setembro. Como no caso das obras anteriormente citadas, isto dependerá do cumprimento dos prazos previstos.

De ser así, as obras aprobadas hoxe xoves pola Comisión de Xestión Municipal poderían estar finalizadas, na súa maioría, antes de rematar o presente ano.

Agora o acordo da Comisión de Xestión Municipal deberá recibir o visto bo da Xunta de Goberno Local.
Descargar todas as imaxes