Escoitar

Beade abre o Festival Folclórico Internacional

Os grupos "Semente Galega", "Arume" e "Volta do Demo" inician o venres día 14 ás 21.30 o XIII Festival Folclórico Internacional.

xoves, 13 xul 2006
1152794963muneira.jpg
"Semente da Arte Galega"

Naceu como grupo de baile e música tradicional en 1986, na sede do C.S.C.R. de Beade, froito da iniciativa veciñal para promover a cultura por medio de actividades relacionadas coa música, danza, canto e deporte. Co paso dos anos, o pequeno grupo inicial foi adquirindo gran relevancia dentro dos grupos folclóricos da zona. Obtivo numerosos primeiros postos en varios certames.

O grupo está composto a redor de 43 persoas, de idades comprendidas entre os 6 e os 28 anos. Os seus bailes comprenden dende muiñeiras, ribeiranas, carballesas, piruxaldas, redondas, regueiras, fandangos, vals ata xotas. "Semente da Arte Galega" trata de combinar dous puntos de vista diferentes dentro do folclore. Un que bebe das raíces máis tradicionais, reflectindo do xeito máis fel o bo facer e o bailar popular. E outro, que poderíamos calificar de coreográfico, onde o popular únese á depuración técnica e estética.

"Arume"

O grupo de gaitas "Arume" é unha seria conxunción de instrumentos musicais populares galegos arredor dunha nobre idea de conservar, difundir, e ampliar a cultura musical do país, dende a plataforma básica que supón unha entidade veciñal e cultural. O director do grupo de gaitas "Arume", D. Xosé Manuel Oliveira, é membro do grupo de música tradicional galega "Noitarega" e traballa respaldado por 30 interpretes con gañas de facer da música a mellor patria dos gaiteiros.

"Arume" está formado por 30 persoas, de idades comprendidas entre os 6 e os 70 anos.

"Volta do Demo"

Nace na Asociación de Veciños, Consumidores e Usuarios (A.V.C.U), no Centro Social, Cultural e Recreativo (C.S.C.R.) de Beade. A súa presentación en público tivo lugar, na XII Festa-Feira da Cereixa, celebrada nesta Asociación no ano 1997. "Volta do Demo" na actualidade consta de dous grupos, un de cativas con 12 compoñentes de idades comprendidas entre os 9 e os 16 anos e un de maiores de 18 anos con 5 compoñentes.

O grupo pretende recuperar os cantares máis tradicionais, interpretados sen acompañamento musical ou ben acompañados de pandeiretas ou outros instrumentos de percusión propios da zona, como cunchas, pandeiros, botellas de anís ou triángulos. Ás veces, tamén contan coa colaboración dalgún gaiteiro ou percusionista.
Descargar todas as imaxes