Escoitar

Exposición "Os Hernández, ourives de Vigo"

O Museo Municipal Quiñones de León inaugura o mércores, día 28, unha mostra que exhibirá cerca dun centenar de obras do taller dos Hernández, que poderase visitar nas salas de exposición temporal do museo ata decembro do presente ano 2006.

martes, 27 xuñ 2006
1151338965mullercabelo.jpg
Prato de muller acariciando o cabelo
Reseña da exposición realizada pola comisaria, Mariel Larriba

O Museo Municipal de Vigo Quiñones de León, na súa programación do presente año 2006, asumindo de novo a tarefa de investigar, protexer e difundir o patrimonio cultural de Vigo, propón un novo proxecto expositivo que pon en valor o patrimonio conservado en coleccións particulares e nas do propio museo. Nesta ocasión ten un carácter reivindicador da producción artística do obradoiro de ourivería dos Irmáns Hernández para o seu coñecemento e deleite. Os contidos da mostra permitirán afondar no movemento de modernidade suscitado pola obra destes ourives na evolución artística da cidade, permitindo unha nova ollada á tradición artística viguesa, sen renunciar á súa revisión dentro do contexto da sociedade contemporánea, transcendendo deste xeito a mirada unidireccional ao pasado.

Premiados con numerosos galardóns en certames nacionais e internacionais, estes artistas foron nomeados Fillos Predilectos de Vigo onde se estableceron nos anos 20, atraídos polo extraordinario florecemento da cidade, reflectido nunha intensa actividade artística á que este obradoiro contribuíu de xeito tan destacado. A beleza das súas obras os situaron entre os máis recoñecidos artistas locais do momento, rebasando os límites do país, e honrando o nome de Vigo en cantas exposicións e concursos de prestixio participaron. Eles mesmos afirmarían: "toda a nosa labor naceu ao calor da cidade, e polo que a nos respecta, toda nosa obra é nosa ofrenda a Vigo, onde sempre fomos benqueridos e admirados". Memoria e presente que debe rescatarse do esquecemento, como recentemente acaba de facer o Concello de Vigo ao nomearlles Vigueses Distinguidos.

Os fundadores desta familia de ourives, Osmundo e Eloy Hernández Calzada foron artistas de ampla formación e de producción artística moi fecunda como ourives, escultores, xoieiros e, nomeadamente, esmaltistas, nos máis diversos materiais (cobre, prata, marfil, acibeche, xade, coral, alabastro, etc.). Escultura, ourivería e esmalte que mixturan e funden indisolublemente coma verdadeiros "escultores de oro e prata" renacentistas.

A súa principal contribución estética reside na orixinal labor no campo do Art Déco. A súa formación xuvenil en París e o seu permanente afán de renovación e actualidade, dotaron a súa obra dun cosmopolitismo que converteu ao obradoiro nun dos mellores expoñentes da tendencia no noso país. A súas xoias, os seus innovadores traballos de ourivería relixiosa, así como as esculturas en cobre ou prata con aplicacións de esmalte así o manifestan.

A técnica do esmalte lles permitiu conectar coas correntes pictóricas das primeiras vangardas (cubismo e fauvismo) que plasman en inigualables esmaltes inspirados no nu feminino e na temática mitolóxica. Ese carácter xenuinamente moderno constátase igualmente en bodegóns e paisaxes. Especial interese teñen os cadros que reproducen recunchos de vellas cidades e vilas ou escenas costumistas que debuxaron namorados de Galicia e profundamente compenetrados coa súa terra.

A exposición ten un carácter reivindicador do valor histórico-artístico do patrimonio que se exhibe, a través dunha selección de obras dos artistas que reflicten o seu recoñecemento a nivel nacional, internacional e na propia cidade. Amosará á profunda formación artística e técnica dos ourives, cómo mantiveron a vinculación coa tradición histórica, cómo souberon adaptarse ao cambio dos tempos e cómo diversificaron a súa producción co obxecto de chegar a sectores máis amplos da poboación. A continuidade do obradoiro familiar nos nosos días reflicte a exemplar dedicación coa que os irmáns Hernández souberon crear toda unha tradición artesanal, consolidada polos fillos de Eloy –Julián e Eloy-, os actuais irmáns Hernández, e o seu neto Eloy, que dende o seu taller-museo da calle Príncipe, seguen a manter viva.

Se afondarán nos diversos aspectos que definen a producción artística do obradoiro coa aproximación á obra a través das especialidades artísticas que desenvolveron, de xeito que se poña de manifesto a súa versatilidade, calidade artística e fecundidade; dotándose ao visitante dos elementos precisos para o recoñecemento e diferenciación das linguaxes artísticas que caracterizan a súa producción.

Situando as obras no seu espacio histórico e artístico, se promoverá o análise das diferentes problemáticas estilísticas e técnicas que permitan a mellor comprensión das mesmas, e a súa valoración intrínseca e social.
1151338965mullercabelo.jpg
1151339016dianacazadora.jpg
1151339042domar.jpg
1151339075bustofeminino.jpg
1151339116retratodenena.jpg
1151339146arboredavida.jpg
1151339180maternidade.jpg
1151339206brocheondas.jpg

Máis información