Escoitar

Corina Porro inaugura a "Illa dos primates" do Parque das Ciencias-Vigozoo

A alcaldesa, Corina Porro, inaugurou hoxe venres en Vigozoo a "Illa dos monos", un espazo concibido para a exposición conxunta de dúas especies de primates: o macaco de Gibraltar e o papión oliva. <br /> <br />

venres, 26 mai 2006
1148649217monoszoo.jpg
Nun recinto de 740 metros cadrados, rodeado por un foso de auga (por motivos de seguridade) e unha montaña de refuxio na parte central (que denominan chalé), á que o persoal de Vigozoo accede a través dunha ponte levadiza, os primates gozan dunha liberdade total.

Na illa, que se executou cun orzamento de 215.520 euros, construíronse ademais salas de cuarentena, un laboratorio, salas de recuperación, caldeiras e vestiarios para o persoal. Para a súa construción utilizáronse materiais naturais, e o seu interior, oco, dispón de varios habitáculos para os monos. "Queriamos que os monos estivesen nas mellores condicións", explicou a alcaldesa.

Na illa os monos conviven en liberdade, aínda que as dúas familias de primates, de tres membros cada unha, están separadas por cristais. Os monos proveñen de decomisos e, ata o de agora, viviron en gaiolas individuais de 9 metros cadrados.

Para incorpalos á illa, o persoal de Vigozoo colocou espellos para que se fosen coñecendo e instalou climatización. Agora están en liberdade e os veterinarios vixían o seu comportamento en familia.

Trinta e cinco anos de Vigozoo

Vigozoo cumpre este ano o seu 35º aniversario, sendo, de acordo con Corina Porro, "o único en Galicia que máis que un zoo é o parque das ciencias naturais", onde se están a realizar "os traballos máis importantes en parasitoloxía e adaptación reprodutiva e ao medio" dos animais.

O parque zoolóxico de Vigo conta cunha extensión de 60.000 m2, que ademais dos recintos dos animais inclúen servizos como unha biblioteca, videoteca, sala de museos, laboratorios, quirófanos, zonas administrativas, cafetería e restaurante.

Nos últimos dous anos o Concello investiu en Vigozoo cerca de medio millón de euros, cos cales se mellorou a seguridade e se realizaron obras de eliminación de barreiras arquitectónicas no parque. Os proxectos municipais para o futuro do zoolóxico inclúen a creación dun recinto coas características da sabana africana e outros para lobos e lontras.

Nun día en que arredor de 400 alumnos de varios centros escolares visitaron Vigozoo, Corina Porro afirmou que "debemos coidar e potenciar" este parque para que "o respecto pola natureza forme parte da súa formación integral".
1148649217monoszoo.jpg
1148649236monoszoo2.jpg
1148649257monoszoo3.jpg
Descargar todas as imaxes