Escoitar

O Correlingua percorre o casco urbano de Vigo mañá venres

Co lema "Xogas? En galego gañamos", alumnos dos centros educativos vigueses percorrerán o casco urbano da cidade, da praza do Rei ao parque de Castrelos, mañá venres a partir das 11:00. A carreira complementarase con xogos, actuacións musicais e entrega de agasallos.

xoves, 18 mai 2006
11479566371147265016correlingua.jpg
O Correlingua é unha actividade organizada pola AS-PG, CIG-Ensino e a Mesa pola Normalización Lingüística, xunto cos concellos de Vigo, Pontevedra, Compostela e Lugo e os equipos de normalización lingüística dos centros participantes.

Os obxectivos do Correlingua son propiciar a reflexión sobre a situación da lingua e a importancia de activar accións a prol dela; sensibilizar a sociedade, a través da poboación xuvenil, da importancia da defensa do galego, e asociar a reflexión lingüística a actividades colectivas, lúdicas, amenas e interdisciplinares.

Ao longo dos últimos cinco anos, o Correlingua alcanzou unha alta participación dos centros de ensino e do alumnado, así como o apoio de persoeiros e organizacións de todo tipo.

Esta sexta edición comezou o 10 de maio en Santiago de Compostela e acabará o 24 deste mesmo mes na Coruña. A organización agarda que máis de 30.000 rapaces e rapazas percorran as rúas das vilas e cidades galegas durante estes días dentro desta iniciativa.

Mañá venres o Correlingua partirá ás 11:00 da viguesa praza do Rei, seguirá polo parque de Castrelos, a avenida Camelias e a praza da Independencia, pasará outra vez por Camelias e, despois de percorrer a praza de América e a avenida de Castrelos, regresará ao parque do mesmo nome. Unha vez alí, darase lectura a un manifesto e terán lugar varias actuacións musicais. Ademais, os rapaces e rapazas recibirán agasallos.

Os máis pequenos, en vez de facer o percorrido dos maiores, estarán no parque de Castrelos realizando xogos e actividades programadas por monitores.
Descargar todas as imaxes