Escoitar

O Goberno local presenta á oposición as conclusións sobre a depuradora do Lagares

O Goberno local presentoulles aos grupos da oposición, durante a reunión da Xunta de Voceiros celebrada hoxe martes, o informe e as conclusións sobre o problema dos malos cheiros da depuradora do Lagares e as actuacións necesarias para solucionalo.

martes, 16 mai 2006
1147783658depura160506b.jpg
Agora os grupos políticos teñen 10 días para estudar esta información e elaborar as súas propostas. Unha comisión de seguimento formada por representates de todos os grupos encargarase de consensuar un dictame que será debatido posteriormente polo Pleno da Corporación Municipal. O acordo plenario servirá de plan de actuación para os próximos anos no que respecta á depuradora do Lagares.

Segundo explicou o portavoz do PP, José Manuel Figueroa, xunto co informe e as conclusións sobre o mal funcionamento da depuradora, os representantes de PSdeG-PSOE, BNG e PG recibiron tamén información sobre a valoración das propiedades dos veciños afectados. Sobre este aspecto do problema, Figueroa anunciou que o Concello estudará as posibilidades de trasladar e indemnizar estas familias.

Ademais, o portavoz do Goberno municipal afirmou que a localización da estación do Lagares "non é a aconsellable" e engadiu que "Vigo necesita unha nova depuradora".

A actuación do Concello con respecto a esta infraestutura mereceu a censura da portavoz socialista, María Xosé Porteiro, quen asegurou que "agora se ve que as queixas dos veciños estaban máis que xustificadas". O nacionalista Amador Fernández, pola súa parte, atribuíu os malos cheiros a "un fallo dentro do funcionamento normal da depuradora".
Descargar todas as imaxes