Escoitar

O Verbum acollerá en xuño un seminario de etnografía galega

O concelleiro de Patrimonio Histórico, Ignacio López-Chaves, presentou hoxe martes o I Seminario de Etnografía Galega e os cursos de verán de formación en cestería da Casa do Cesteiro. Segundo López-Chaves, con estas iniciativas o Centro de Artesanía Tradicional (CAT) quere "que a xente valore as formas e deseños vinculados á nosa cultura".

martes, 16 mai 2006
1147784260CATsemCartel06.jpg
O I Seminario de Etnografía Galega desenvolverase, baixo o título de "A linguaxe dos símbolos na cultura galega", no Museo Verbum-Casa das Palabras, os sábados 3, 10 e 17 de xuño, de 10:30 a 13:30.

Durante esas tres xornadas, o ponente, Felipe-Senén López Gómez, abordará un aspecto da inmensidade da cultura galega, xa anunciado reiteradamente na teoría e na práctica polo creador Luis Seoane: o dos símbolos. Deste xeito, o seminario tratará de incluír o repertorio simbólico como elemento revitalizador, creativo e de identidade na produción de formas.

Partirase de que a cultura é a resposta que o ser humano dá aos problemas que presenta un contexto determinado, no que se vai desenvolvendo unha historia particular dentro do crebatestas universal. Asúmese que a cultura é un fenómeno relacionado coa intelixencia, ou sexa, coa capacidade que os humanos poñen para resolver situacións novas, acudindo a tradicións, a creacións e investigacións, así como aos intercambios entre os pobos. Así, vaise creando un idioma falado e escrito, fórmulas para resolver a vida e expresarse, entre as que están os símbolos: dos ideogramas á fotografía, algo polo que se nos identificará no futuro.

O programa do seminario abrirase o sábado 3 de xuño coas unidades "Adentrarse no universo das formas" e "Arte e cultura en Galicia". O día 10, "As formas no universo artesanal" centrarán a atención dos asistentes. Finalmente, o 17 de xuño estará dedicado ao repertorio do "Universo das formas e dos símbolos".

O CAT, Centro de Artesanía Tradicional dependente da Concellaría de Patrimonio Histórico do Concello de Vigo, leva desenvolvendo dende a súa creación en 1999 un ambicioso programa de protección, recuperación e difusión do patrimonio etnográfico, atendendo con especial atención á artesanía tradicional.

Cursos de cestería

Dentro deste programa, a Casa do Cesteiro, unidade monográfica do Centro de Artesanía Tradicional, ten aberto desde o 8 ao 30 de maio o prazo de inscrición da nova convocatoria de cursos de verán sobre cestería tradicional de Galicia.
O obxectivo destes cursos é achegarlle a todo tipo de público as técnicas e pezas da cestería tradicional galega.
A formación será impartida por mestres cesteiros cunha gran traxectoria profesional no oficio da cestería. Durante estes cursos, os alumnos poderán adquirir as técnicas tradicionais de madeira fendida, colmo e vimbio.
Os cursos desenvolveranse na Casa do Cesteiro (rúa Real nº 10) durante os meses de xuño, xullo, e setembro, de luns a venres en horarios de mañá e de tarde.
Descargar todas as imaxes