Escoitar

Comezaron as obras para completar o saneamento das parroquias

mércores, 23 xan 2002
imx1013.jpg
González e Castrillo
O alcalde de Vigo, Lois Castrillo, e o concelleiro de Vías e Obras, Uxío González, presentaron as obras que acaban de comezar para completar o saneamento de sete parroquias de Vigo. Durante os próximos 15 meses vanse desenvolver os traballos necesarios para dotar do servicio de saneamento a 1878 vivendas do rural vigués. O investimento é de 10.159.337 euros (1.686.450.000 ptas)

A magnitude do proxecto queda patente nos seguintes datos: vanse colocar 57 quilómetros de colectores principais e 24 quilómetros de acometidas a vivendas. Bembrive será a parroquia onde máis rede se constrúa e tamén onde se conectarán máis vivendas ao saneamento, ao redor de 500. As outras parroquias beneficiadas polo proxecto son: Comesaña-Freixo, Lavadores, Oia, Coruxo, a conca do Pereiriña e Matamá.

Lois Castrillo destacou estas obras como unhas das máis importantes realizadas en Vigo nos últimos anos, xa que van servir para ofrecerlle un servicio básico a centos de familias do municipio. O alcalde lembrou que a extensión do saneamento a todo o rural é un dos principais obxectivos deste goberno e anunciou que na próxima sesión plenaria se aprobarán outros tres proxectos para completar o saneamento de Valadares, Zamáns e Beade por valor de máis de 9 millóns de euros.

Uxío González agradeceulle ás asociacións veciñais a súa colaboración para obter os terreos necesarios para a construcción desta infraestructura.
Descargar todas as imaxes