Escoitar

Conclúe a primeira fase de axardinamento da Travesía de Vigo

mércores, 23 xan 2002
imx1014.jpg
Travesía de Vigo
A Concellería de Parques e Xardíns concluiu a primeira fase de axardinamento da Travesía de Vigo que inclúe a actuación na mediana central e nas rotondas, cunha superficie total de 5.410 m2. Trátase de conseguir un modelo de xardinería sostible nun espacio urbano, o que contribúe a mellorar a riqueza botánica e visual para os habitantes da zona, explicou o concelleiro Henrique Vieitez.

A actuación realizouse na mediana central, desde o cruce dos Choróns ata a rotonda de Bos Aires, e nas rotondas de Jenaro de la Fuente, Candiero, Mestre Chané, Mestre Montes, Bailén, Cantabria e Bos Aires. Henrique Vieitez anunciou que proximamente se procederá a acometer a segunda fase, que comprenderá a plantación de arborado e arbustos nas beirarrúas, ademais de arbustos tapizantes e flores nos espacios reservados da mediana central da Travesía de Vigo.

Na primeira fase, sementáronse 1.000 m2 de céspede ornamental, 1.104 m2 de macizos arbustivos e flores de 25 variedades distintas. Puxéronse 387 palmáceas e agaváceas e 38 árbores ornamentais. Foi preciso instalar 2,5 Km de tubería de rego e 1.710m2 de cobertura total de rego por aspersión. Colocáronse tamén 45 m2 de pedra e 3.204 m2 de cobertura de áridos ornamentais e codia de piñeiro.

Con esta actuación, trátase de diminuír o impacto que produce unha vía destas características enclavada nunha zona urbana cunha alta densidade de habitantes e edificacións, aumentando a ornamentalidade mediante o axardinamento de espacios públicos tendo en conta as características tanto dimensionais como ambientais para conseguir áreas verdes compatibles co contorno. O presuposto desta primeira fase foi de 75.212 euros (12 millóns de pesetas).
Descargar todas as imaxes