Escoitar

Cotogrande acollerá a III Feira da Franquicia de Galicia e Norte de Portugal

mércores, 23 xan 2002
imx1012.jpg
Un total de 125 expositores e representantes de máis de 200 marcas participarán na terceira edición de Franquiatlántico, que se celebrará do 25 ó 27 de xaneiro no recinto do Instituto Feiral de Vigo, en Cotogrande. O alcalde, Lois Castrillo, inaugurará o evento.

Restauración, ocio, deportes, música, parques infantís, beleza, inmobiliarias, vídeo e fotografía, moda, tintorerías e viaxes son algúns dos sectores máis representativos desta feira.

Durante a feira celebrarase unha Xornada Técnica organizada pola Asociación Española de Franquiciadores, que contará coa participación de especialistas que analizarán a situación actual e as perspectivas de futuro desta fórmula comercial.

A Xornada Técnica desenvolverase o venres, 25 de xaneiro, no Club do Expositor do recinto do Instituto Feiral e acollerá a presentación do coleccionable ”Guía dos Negocios” que foi editada co patrocinio de Caixanova e do Consorcio da Zona Franca de Vigo.

Un dos aspectos que caracteriza a Franquiatlántico desde o seu comezo é a ”Aula da Franquicia”, un espacio que se encontra a disposición dos expositores para que poidan explicarlles ás persoas interesadas en qué consiste a fórmula.

Reforzar as accións estratéxicas con Portugal e converter Franquiatlántico na feira de referencia para este país no mundo da franquicia é outro dos obxectivos desta edición.

O primeiro Salón do Emprendedor do Atlántico é unha das novidades do evento e contará coa participación de 25 expositores institucionais. Pretende darlles a coñecer ós mozos emprendedores as posibilidades de negocio, así como as facilidades e tipos de asesoramento con que contan para iniciar unha empresa.

Franquiatlántico convocou, por outra parte, a segunda edición dos premios á Iniciativa Empresarial, dirixido a empresas franquiciadoras. Serán entregados no transcurso dun acto que terá lugar no Hotel Palacio de Vigo o sábado, 26 de xaneiro.

Descargar todas as imaxes