Escoitar

Iníciase a segunda fase do programa Intes de integración global e laboral

martes, 22 xan 2002
imx1009.jpg
Belén Sío
A concelleira de Benestar Social, Belén Sío, presentou os resultados conseguidos co programa Intes e anunciou a súa continuación durante este ano. Mediante este programa realizouse un seguimento a 497 persoas que precisaban axuda para achegarse ó ámbito laboral como vieiro para afastarse da exclusión social mellorando as condicións de vida.

O proxecto Intes nace do convenio de cooperación entre o Concello de Vigo e a Consellería de Sanidade para a implantación dun dispositivo de integración global para persoas desfavorecidas residentes en Vigo, dentro do Plan Galego de Inclusión Social.

Esta actuación arrinca cunha serie de medidas dirixidas a conseguir a integración sociolaboral que sufran risco de exclusión social como poden ser parados de longa duración, beneficiarios de renda de integración social, inmigrantes, emigrantes retornados e outros colectivos que precisen a súa adaptación profesional.

O convenio ten como obxectivo establecer un marco de cooperación para o desenvolvemento das actuacións dun dispositivo de integración global de persoas ou grupos en situación desfavorecida ou beneficiarios da renda de integración social de Galicia. Preténdese conseguir que as persoas ou familias en situación de pobreza e exclusión social logren adquirir as habilidades necesarias para evitar a súa vulnerabilidade ós cambios nos procesos socioeconómicos, posibilitando o acceso ó emprego e o mantemento dunha forma de vida normalizada.

O equipo técnico está composto por unha psicóloga, unha asistente social, educadora social, graduada social e administrativa. O presuposto co que contou durante a primeira fase foi de 18 millóns de pesetas.

Balance

De outubro a decembro de 2001 realizáronse 372 entrevistas e fíxose un seguimento a 497 usuarios. Impartíronse cursos de limpeza industrial, reciclaxe administrativa, instalador electricista, cociña de tapas. En total, 61 persoas participantes no programa de inserción social e laboral conseguiron traballo.
Descargar todas as imaxes