Escoitar

”Vigo en Deporte”, declarada Fundación de Interese Galego

luns, 21 xan 2002
imx1003.jpg
Sinatura da acta de constitución
A fundación ”Vigo en Deporte” goza do protectorado da Consellería de Presidencia, Relacións Institucionis e Administración Pública trala declaración de Fundación de Interese Galego. Este órgano nace co obxectivo de captar recursos para promocionar o deporte vigués a través de axudas ás entidades deportivas da cidade e do financiamento dos grandes eventos deportivos que se desenvolven en Vigo.

A fundación inscribiuse no Rexistro Único de Fundacións de Interese Galego por petición do alcalde Lois Castrillo. A acta de creación de ”Vigo en Deporte” foi asinada o pasado 19 de novembro de 2001 polo alcalde, o director xeral de Caixanova, Julio Fernández Gayoso, o director de PSA Peugeot Citroën, Javier Riera, e o presidente de Pescanova, Manuel Fernández de Sousa.

Entre as actividades da Fundación ”Vigo en Deporte” estarán a de asesorar e axudar economicamente ás entidades deportivas de competición de Vigo, a de outorgar bolsas a deportistas destacados da cidade, ou a de realizar investigacións, estudios e proxectos sobre o deporte de alto nivel.

O capital inicial da Fundación é de 52 millóns de pesetas procedentes das aportacións dos socios fundadores. O padroado da Fundación está constituído por Lois Castrillo como presidente, Santiago Domínguez como vicepresidente, Javier Riera como secretario e Julio Fernández como tesoureiro.
Descargar todas as imaxes