Escoitar

Encontro da Mancomunidade cos socios comunitarios da iniciativa Equal en Bélxica

venres, 18 xan 2002
Unha delegación da Mancomunidade da Área Intermunicipal de Vigo (MAIV), encabezada polo concelleiro de Desenvolvemento Local e Emprego, Delfín Fernández Álvarez, desprazarase o vindeiros luns ata a localidade de Hasselt (Bélxica), para manter un encontro cos seus socios comunitarios participantes na Iniciativa EQUAL.

O Servicio público de emprego belga na rexión de Flandes (VDAB) e a Fundación Val de Campaña de Oporto son os socios transnacionais, e o socio transrexional na devandita Iniciativa e o Concello de Jerez.

O encontro, que terá unha duración de dúas xornadas de traballo, ten como obxectivo a elaboración definitiva do proxecto común entre os socios transnacionais e o socio transrexional, xa que no mes de marzo terá que formalizarse definitivamente a rede transnacional.

O proxecto “Compás” é un dos doce concedidos na Comunidade Autónoma Galega e conta coa inversión máis alta, 2.854.807,50 € (475 millóns de pesetas). Cunha duración prevista de trinta meses, persigue a mellora da ocupabilidade dos habitantes de Área Metropolitana que se atopan nunha situación de desigualdade en relación co acceso ó mercado laboral.

O concelleiro de Desenvolvemento Local e Emprego, Delfín Fernández Álvarez, é o delegado da MAIV para o proxecto “Compás”, despois de que a Comisión de Goberno do devandito organismo intermunicipal acordase o nomeamento por unanimidade o pasado mes de decembro. Da xestión e execución do proxecto, Delfín Fernández Álvarez dará conta puntualmente ó Presidente da Mancomunidade e mensualmente elevará informe escrito ó órgano de Goberno da mesma.