Escoitar

O Eixo Atlántico pedirá axudas económicas a Bruselas

xoves, 17 xan 2002
A Comisión Executiva de Eixo Atlántico aprobou, na reunión celebrada hoxe en Vigo, o informe de xestión, que será sometido á consideración da Asemblea Xeral o próximo día 21 de febreiro en Porto. Asemade analizáronse os convenios que posibilitarán a posta en marcha de diversos eventos e torneos eurorexionais.

Á xuntanza que tivo lugar no pazo municipal Quiñones de León, asistiron os alcaldes de Ourense , Porto, e Viana e representantes dos gobernos municipais de Braga, Santiago e Vigo.

Na rolda de prensa posterior á reunión informouse que o próximo día 25 de febreiro o comité será recibido en Bruselas polo comisario de infraestructuras comunitario a quen se lle presentará o mapa de infraestructuras da eurorexión, a as consecuencias negativas de non construir un TAV entre Vigo e Porto. Neste senso os representantes do Eixo Atlántico pedirán en Bruselas que se incorporen axudas económicas para a súa construcción e se considere como unha prioridade.

O Eixo Atlántico encargarase de facer unha asesoría técnica para a creación da eurorexión entre Ucrania. Eslovaquia e Rumanía.

Nace o Torneo de Balonmano Eixo Atlántico

O 19 de xaneiro iniciase a primeira fase do Torneo de Balonmano Eixo Atlántico que disputarán tres equipos galegos e tres portugueses. Os partidos celebraranse tamén o 26 de xaneiro, o 2 de febreiro e a final terá lugar o 9 de febreiro.

O Torneo, que conta con Fran Teixeira como director deportivo nace auspiciado polos clubes que militan nas respectivas divisións de honra: S. D. Teucro de Pontevedra, Frigoríficos Morrazo de Cangas, Academia Octavio de Vigo, Aguas Santas de Maia, Porto F. C., e Académico de Braga.

O torneo de balonmán que xunto coa Regata do Eixo Atlántico, ós que en data vindeira se unirán outras probas deportivas, consolida o deporte como un dos principias elementos de unión entre a cidadanía da eurorexión.