Escoitar

O I Concurso Radiofónico Concello de Vigo fomenta a creatividade comunicativa entre a mocidade

luns, 21 xan 2002
imx1005.jpg
O concelleiro de Xuventude, Santiago Domínguez, presentou o I Concurso Radiofónico Concello de Vigo destinado a mozos entre 16 e 30 anos de idade. Este concurso pretende atopar locutores para un programa informativo xuvenil que será emitido semanalmente en radio Ecca a partir do mes de marzo.

Os interesados en participar no concurso deberán deberán presentar unha gravación en galego en soporte cassette contendo a locución de dúas noticias. Non deberá superar os cinco minutos de duración. Tan só se admitirá un orixinal por persoa ou grupo de persoas.

O material presentarase sen sinatura e baixo lema, que estará escrito nun sobre pechado. O mesmo lema figurará etiquetado na cassette. No interior adxuntarase outro sobre pechado co mesmo lema e que no interior conteña os datos do autor indicando nome e apelido, enderezo e teléfono particular así como o nome do instituto ó que pertencen.

As gravacións serán entregadas ou enviadas á Casa da Xuventude do Concello de Vigo (rúa López Mora, 31-36211 Vigo). A data límite de presentación será ata as 14:00 horas do venres 15 de febreiro.

Os elixidos serán os locutores do programa semanal e ademais recibirán unha gravadora e unha máquina fotográfica dixital.
Descargar todas as imaxes