Escoitar

Os turistas danlle unha nota de 8,5 á comarca de Vigo

Os turistas sitúan o seu grao de satisfacción coa comarca de Vigo nun 8,5 sobre 10, segundo revela unha enquisa realizada nos meses de agosto e setembro para o Padroado de Turismo "Rías Baixas".

martes, 27 dec 2005
1135692001riasbaixas2712.jpg
A enquisa, confeccionada a partir de 3.500 fichas e 2.100 entrevistas telefónicas, revela que o que máis satisface os turistas que visitan a comarca de Vigo é a amabilidade e o trato da xente (8,4), as oficinas de turismo (8,35) e a limpeza, hixiene e confort dos aloxamentos (8,3). Para os turistas, no ámbito da restauración o mellor é a calidade dos produtos (8,26).

Entre os aspectos menos valorados sobresae a sinalización de lugares (6,83) e do aloxamento (7,3), o transporte e as comunicacións (7,05), o estado do medio ambiente e do contorno (7,38) e a relación entre calidade e prezo en relación ao aloxamento (7,7) e á restauración (7,72).

A satisfacción dos turistas coa comarca de Vigo é similar á valoración xeral da provincia de Pontevedra, que tamén recibe un 8,5. As cifras provinciais nos diversos aspectos do sector turístico varían pouco con respecto ás da nosa bisbarra. As comarcas con mellores valoracións son as do Deza (8,59) e O Salnés (8,56), e as que obteñen valores máis baixos son O Condado (8,36) e Caldas (8,37).

De acordo coa enquisa, o perfil do turista que visita a comarca de Vigo é o dunha persoa de 40 anos, casado, sen fillos menores de 16 anos e pertencente á clase media. As comunidades autónomas de onde veñen máis visitantes son Madrid, cun 21%, Galicia, co 16%, o País Vasco, cun 12%, e Castela e León, con cerca do 10%.

Os case 117 euros de gasto medio por persoa e día sitúan a comarca de Vigo no primeiro posto provincial nesta categoría. O promedio da provincia de Pontevedra é de 100 euros. No que atinxe ao tempo de estancia dos turistas, o promedio da comarca de Vigo (7,2 días) é lixeiramente inferior ao da provincia (8,7 días).

Durante a presentación da enquisa, hoxe martes no Concello, a concelleira de Turismo, Lucía Molares asegurou que o sector turístico vigués ten "un gran potencial" que haberá que desenvolver coa colaboración das administracións públicas e do sector privado. Pola súa parte, o presidente do Padroado de Turismo "Rías Baixas", José Manuel Figueroa, destacou o "enorme esforzo" da Deputación de Pontevedra neste campo da economía de Vigo e da provincia.
Descargar todas as imaxes