Escoitar

O Pleno insta o Goberno municipal a cumprir co asinado no "Programa Vigo 2005"

O Pleno da Corporación Municipal aprobou hoxe luns, cos votos favorables do PSdeG-PSOE e do PG, unha moción presentada polo grupo socialista que insta o Goberno local a cumprir o convenio e o anexo do "Programa Vigo 2005", para a execución dos proxectos de humanización dos contornos da praza de Compostela e da rúa Urzaiz.

luns, 26 set 2005
1127742236pleno2609.jpg
O concelleiro do PSdeG-PSOE Miguel Barros, defendeu o cumprimento do acordo con Zona Franca "na súa literalidade", axustándose aos proxectos e ao orzamento previsto, de 9 millóns de euros. Os socialistas manifestaron a súa sospeita de que o Goberno non o fará, "xa que existirán actuacións que non contarán con orzamento suficiente para ser executadas, como Hernán Cortés, Luis Braille, Magallanes, Manuel Núñez e Gil".

Segundo o PSdeG-PSOE, "o Goberno debería dispoñer de dous millóns de euros" para acometer as reformas destas rúas, polo que acusan a alcaldesa de "mala xestión" por non telas executado "con cargo ao Convenio Vigo 2005".

José Manuel Figueroa, en representación do PP, contestou que "o convenio se está a cumprir na súa literalidade", e que as reformas acometidas están a producir unha "aceptación xeneralizada" e unha "gran satisfacción" na cidadanía.

O concelleiro popular dixo que haberá que esperar á adxudicación de todas as obras previstas para saber se os fondos municipais son suficientes. Figueroa engadiu que "o proxecto de futuro é levar a transformación ata a praza de España". Por todas estas razóns, o PP decidiu absterse.

Tamén se abstivo o BNG, en cuxa representación Xabier Toba asegurou que lle gustaría "que ese convenio se borrase, porque é malo para a facenda municipal, froito dunha pésima negociación e nunca debeu ser aprobado polo Pleno".

Pola súa parte, Manoel Soto xustificou o voto afirmativo do PG argumentando que "tentamos axudar a que se fagan cousas, que é mellor que que non se faga nada".

Outros acordos

Outra moción aprobada polo Pleno de hoxe foi a presentada de maneira conxunta por BNG e PSdeG-PSOE, pola que se solicita o inmediato cumprimento do acordo plenario do 26 de xaneiro 2004 relativo á creación dunha escola infantil pública na zona da Florida. O dito acordo comportaba tamén a realización dunha piscina deportiva multiusos aberta, unha piscina cuberta de 25 metros e unha zona de xogos infantís.

Ademais, os votos favorables de PP e PSdeG-PSOE fixeron que prosperase unha moción dos socialistas pola que se insta o Goberno municipal a pór a disposición da Xunta os terreos necesarios en Navia para a construcción do edificio da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia.
Descargar todas as imaxes