Escoitar

A marcha ciclista "Coñece Vigo a golpe de pedal" percorrerá a cidade o domingo

A concelleira de Deportes, Lucía Molares, e o representante da asociación "A golpe de pedal", José Manuel Suarez, presentaron hoxe venres a cuarta edición da marcha ciclista "Coñece Vigo a golpe de pedal", que percorrerá as rúas da cidade o domingo 25 de setembro.

venres, 9 set 2005
1126267393bici0909.jpeg
Lucía Molares dixo esperar que esta marcha demostre que "a bicicleta pode ser unha forma habitual de desprazamento". A intención do Concello e da asociación "Agolpe de pedal", que organizan o evento, é promocionar o uso e goce deste vehículo entre todos os cidadáns independentemente da súa idade e sexo, sensibilizando a sociedade sobre a súa utilización como medio de transporte alternativo.

Por outra parte, a marcha pode servir para gozar dun percorrido pola nosa cidade no que se visitan diversos lugares de interese. Así, os participantes concentraranse ás 10:00 e comezarán a pedalear ás 11:00 do domingo desde a praza do Rei para completaren un itinerario de 15 kilómetros ata a praza do Berbés. Cando cheguen aquí, terán pasado por Buenos Aires, Policarpo Sanz, Travesas e Beiramar, entre outros lugares.

A marcha "Coñece Vigo a golpe de pedal" reuniu na súa pasada edición uns mil ciclistas. Este ano podería contar coa presencia de Miguel Indurain, quen foi invitado de maneira oficial polo Concello.

Circuíto de Educación Vial

No marco desta actividade celebrarase, o sábado 24 de setembro, unha xornada dedicada á educación vial e á diversión dos máis pequenos. Así, o casco urbano de Bouzas acollerá circuítos de educación vial, habilidade e cross, así como un taller de reparación e a posibilidade de pedalear sen rodiñas.

A promoción do ciclismo entre os nenos é froito da colaboración coa Axencia Española de Seguridade Alimentaria, que pretende difundir bos hábitos nutricionais e o costume de facer exercicio para previr a obesidade infantil.

Á parte disto, o Concello concedeu o 2º premio "A golpe de pedal" a José María Estévez Álvarez, enxeñeiro que deseñou o parque de educación vial para bicicletas do Castro en 1972.

Para máis información sobre a marcha ciclista "Coñece Vigo a golpe de pedal" pódese visitar a páxina web www.agolpedepedal@terra.es ou chamar aos números de teléfono 687 002 128, 606 456 631 ou 658 659 234.
1126267393bici0909.jpeg
1126267426bici0909.jpg
Descargar todas as imaxes