Escoitar

Los Secretos celebran o seu 25º aniversario cun concerto en Castrelos este domingo

A banda española Los Secretos, que celebra o seu 25º aniversario, ofrecerá un concerto o domingo 3 de xullo en Castrelos, acompañada polos pontevedreses Los Amigos de Blas e polos ingleses Celloman.

venres, 1 xul 2005
1120217169secre1.jpg
O Auditorio de Castrelos acollerá o domingo 3 de xullo, a partir das 22:00 un concerto gratuíto protagonizado por Los Secretos, e no que participarán tamén o grupo pontevedrés Los Amigos de Blas e os británicos Celloman.

Los Secretos contan no seu haber cunha das carreiras máis dilatadas da música española, tendo deixado algunhas das mellores cancións do pop en castelán. Miles de seguidores avalan a traxectoria da única banda xurdida a principios dos anos oitenta que continúa en activo, circunstancia que lles permite celebrar neste ano o seu 25º aniversario.

Desde a morte de Enrique Urquijo, Los Secretos abriron unha nova etapa co traballo "A Tu Lado-Un Homenaje a Enrique Urquijo", que foi seguido por "Solo para escuchar" e "Con cierto sentido". Sons que fixeron da nostalxia e dos sentimentos a bandeira propia dun grupo formado na actualidade por Álvaro Urquijo (voz e guitarra), Ramón Arroyo (guitarra), Jesús Redondo (teclista), Juanjo Ramos (baixista) e Santi Fernández (batería).

Los Secretos serán precedidos por Celloman, grupo inglés liderado polo chelista Ivan Hussey. Celloman ten a súa fonte de inspiración na música do mundo e ofrece unha conxunción de sons que van desde os ritmos de Oriente Medio aos africanos, utilizando melodías hipnóticas que conducen ao funky e ao bass&drums. Unha mestura que vén dada polas diversidade de nacionalidades dos seus integrantes.

Co emprego das novas tecnoloxías, Celloman achega un novo son ao cello, engadindo efectos sobre efectos e ofrecendo un directo no que se xuntan de forma natural distintos estilos, como o jazz, a música do mundo e a música clásica.

En Celloman Ivan Hussey toca o chelo eléctrico. Hussey ten colaborado con grupos como Sonique, Lighthouse Family, Take That e Mick Jagger. O conxunto complétano Samy Bishai, ao violín eléctrico, Oli Savill, que se encarga da percusión da percusión, Oroh Angiama, ao baixo, Cosimo Keita, á batería e Lol Ford, á guitarra.

Para cerrar o concerto, despois da actuación de Los Secretos, tocará o grupo pontevedrés de música pop Los Amigos de Blas, que se sitúa na onda dos grupos do pop español dos 80 e cuxos membros se declaran admiradores de Hombres G, Los Limones, Los Ronaldos e Los Piratas.

Precisamente, Los Amigos de Blas veñen de telonear o último traballo de Los Limones en Madrid. Ademais, acaban de publicar o seu primeiro disco, "Voy a más", con temas como "Universo Paralelo", "Todo me da igual" e "Cuento Contigo".
Descargar todas as imaxes