Escoitar

O Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo allea "Finca Sorita" por cerca de 370.000 euros

O alleamento de "Finca Solita" á empresa "Frapejus, S.A." foi aprobado polo Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo grazas ao voto de calidade da súa presidenta, Corina Porro, polo prezo de 368.270 euros.

xoves, 30 xuñ 2005
1120133642xer3006.jpeg
O Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo, reunido hoxe xoves, aprobou, grazas ao voto de calidade da presidenta, Corina Porro, o alleamento de "Finca Sorita" á empresa "Frapejus Galicia, S.A.", polo prezo 368.270 euros máis IVE. Con esta decisión queda adxudicada a cota indivisa do 95% da parcela resultante nº 2-B do proxecto de compensación do Polígono "B SUP PP 1 Finca Solita", cunha edificabilidade de 1330 metros cadrados. Ademais, o Consello entende por non realizada a adxudicación de "Finca Solita" á empresa "Pradavila, S.L." polo prezo de 803.000 euros.

O alleamento acordouse despois do voto de calidade da presidenta do Consello, Corina Porro, que desfixo o empate a tres entre os representantes do PP, que votaron a favor, os do PSdeG-PSOE e PG, que votaron en contra, e os do BNG, que se abstiveron. As discrepancias manifestadas polos membros do Consello sobre este punto da orde do día ocuparon boa parte da sesión de hoxe.

Así, José Manuel Figueroa, do PP, asegurou que "non había outra alternativa xurídica" e que "ao final, os que gobernamos somos os que temos que tomar as decisións, aínda que non nos gusten". Pola súa parte, o representante do PSdeG-PSOE Mauricio Ruiz lamentou que hoxe o Consello tomase "a decisión máis prexudicial para o patrimonio municipal", xa que "adxudica ao menor prezo" os terreos obxecto de debate.

Unha opinión semellante é a de Manoel Soto, do PG, que culpabilizou a alcaldesa de "malvender o patrimonio municipal". Xavier Toba, do BNG, lembrou que no ano 2003 fixera unha proposta de alleamento por uns 420.000 euros e cualificou de "absolutamente equivocada" a decisión de adxudicar "Finca Solita" agora por 368.270 euros.

Axudas para rehabilitación

Tamén dentro dos asuntos nos que o Consello ten competencia resolutiva, aprobáronse provisionalmente axudas para a rehabilitación de elementos comúns en Santo Cristo nº 3-Bouzas, dunha vivenda na praza de Urzaiz 4-Bouzas, e doutra vivenda en Tomás Alonso 220, 1º-Bouzas. Con carácter definitivo resultaron aprobadas as axudas para a rehabilitación de elementos comúns en Poboadores 39 e dunha vivenda en Poboadores 39, 4º.

Así mesmo, o Consello autorizou a contratación polo procedemento aberto por concurso da asistencia técnica para a actualización da cartografía existente, por un importe de 90.000 euros.

Ademais, o Consello propúxolle á Xunta de Goberno Local a aprobación da recepción parcial das obras de urbanización da UE II-01 Gándara.
1120133642xer3006.jpeg
1120133668xere3006.jpeg
1120133695xeren3006.jpeg
Descargar todas as imaxes