Escoitar

O Verbum acolle ata o 29 de agosto a exposición "O Quixote: da letra á imaxe"

A exposición "O Quixote: da letra á imaxe", pódese visitar desde hoxe, 28 de xuño, ata o próximo 29 de agosto. Nela abórdase a evolución visual e gráfica da obra cervantina.

martes, 28 xuñ 2005
A exposición "O Quixote: da letra á imaxe" abre as súas portas hoxe, día 28 de xuño, no Museo Verbum de Vigo. A mostra aborda a evolución visual e gráfica da obra cervantina, dividíndose en tres partes: as edicións escritas, a obra pictórica e escultórica e carteis e documentos audiovisuais.

As edicións escritas, das que se poden ver facsímiles que datan de 1605, 1608 e 1616, proceden do Mosteiro de Poio. Tamén hai obras recentes ilustradas por Antonio Mingote ou Salvador Dalí, así como obras noutros idiomas, entre eles o chinés.

No apartado relativo ás artes plásticas expóñense serigrafías de distintos autores galegos, como Alfonso Costa, Laxeiro, Abelenda ou Sucasas. Óleos de García Lema, José Luís Martínez ou Urbano Lugrís, ademais de varias obras escultóricas, completan esta parte da mostra. Así mesmo, pódense examinar varios carteis de versións cinematográficas da obra de Cervantes e proxeccións de distintos filmes baseados na historia do Quixote.

O acto de presentación, que é hoxe ás 17:00, conta coa presenza do concelleiro de Cultura, Ignacio López-Chaves; a delegada da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo en Pontevedra, Rosanna López Salgueiro; o coordinador xeral de Camiños de Concordia, José García Iglesias; e o director do Verbum, Lois Cea.

A exposición "O Quixote: da letra á imaxe" permanecerá aberta ata o día 29 de agosto. En paralelo á mostra celébrase desde onte en Vigo un ciclo de conferencias e mesas redondas dentro da Semana da Ciencia, baixo o título "Claves para unha humanidade máis avanzada", que se inclúe tamén no programa "Camiños de Concordia".