Escoitar

MARCO inicia o ciclo de conferencias "Sobre a música e o concepto jazz que se desenvolve en Europa"

As sesións terán lugar ás 20 horas no Marco e contarán con prestixiosos especialistas neste estilo musical como Carlos Sampayo, Enrique Turpin, Yann Causse ou Ivo Martíns. O escritor, crítico e docente Carlos Sampayo inaugurará o ciclo o vindeiro luns día 20 de xuño.

venres, 17 xuñ 2005
1119013057Daniel.jpg
Daniel Humair
O vindeiro luns, 20 de xuño, dará comezo no Museo de Arte Contemporánea de Vigo- MARCO a partir das 20 horas, o ciclo de conferencias e mesas redondas que terá lugar con motivo da primeira edición do Festival Internacional de Jazz de Vigo. Nestas sesións, que se desenvolverán baixo o título "Sobre a música e o concepto jazz que se desenvolve en Europa (España en relación ao continente)", participarán reputados especialistas e críticos musicais procedentes non só de diferentes medios de comunicación e festivales de jazz españoles, senón tamén de Portugal e Francia.

Deste xeito, o luns 20 de xuño o escritor, crítico e docente Carlos Sampayo inaugurará o ciclo cunha conferencia na que abordará a historia e a situación actual do jazz en Europa. Sampayo é redactor da revista especializada Cuadernos de Jazz, e ten participado en publicacións en España, Italia, Francia, Arxentina, Suiza, Holanda e Grecia. Ademáis, é o director da Enciclopedia Maestros del Jazz (Planeta de Agostini), da Enciclopedia de Louis Armstrong (Altaya), coordinador do Diccionario del Jazz de Comolli y Carlos (Robert Laffon, Anaya & Mario Muchnik) e coautor de Los 100 mejores discos del jazz (La Máscara).

O día seguinte, 21 de xuño, o salón de actos do MARCO acollerá a mesa redonda "A difusión do jazz no ámbito local (Galicia), España e Europa", na que os participantes abordarán diferentes cuestións relacionadas con este tema, como a organización das programacións, a importancia dos gustos da audiencia, as posibles modas que hai nesta música ou o jazz como espectáculo ou como cultura. Nesta xornada, que será coordinada por Juan Torreiro, periodista de La Voz de Galicia, participarán o director do Festival de Perpiñan (Francia) e membro de AFIJMA, Yann Causse; o director artístico do Festival de Xábia-Alicante e representante do Instituto Valenciano de la Música, Jorge García; o director da revista Cuadernos de Jazz, Raúl Mao; e o músico e compositor Ramón López.

A seguinte sesión do ciclo terá lugar o luns 27 de xuño, na que o xornalista de Faro de Vigo Salvador Rodríguez presentará a intervención do redactor da revista Cuadernos de jazz Enrique Turpin. O periodista falará sobre as influenzas e as novas tendencias no jazz na conferencia que levará por título "Influenzas e novas tendencias ¿Por qué se acollen tantas músicas baixo a etiqueta jazz?". Enrique Turpin é Licenciado en Filoloxía Hispánica e Master en Literatura española pola UAB, postgrado en Crítica Literaria pola UPF, crítico literario de El Periódico de Cataluña, Qué leer e Quimera, entre outras publicacións, e profesor de lingua e literatura castelans de Ensino Secundario.

Finalmente, a mesa redonda "O aspecto creativo da música: Influenza e condicionamentos do jazz do outro lado do Atlántico en relación ao contexto" pechará o ciclo o 28 de xuño. Nesta xornada, o periodista e crítico de La razón Javier de Cambra coordinará aos ponentes Ivo Martins, director do Festival de Guimarâes (Portugal); Agustí Fernández, músico, compositor e docente; Nani García, músico e productor discográfico; e José María García Martínez, periodista e crítico de El País.

Nas súas intervencións, os participantes tratarán cuestións como a evolución e o desenvolvemento do artista, a existencia dun jazz que se denomine español ou a valoración do músico de jazz. Por outra banda, o vindeiro luns, 20 de xuño, tamén terá lugar, ás 9.00 horas no Auditorio "Martín Codax" do Conservatorio Superior de Música, unha master-class a cargo do batería Daniel Humair.

Como membro nas seccións rítmicas europeas, Humair ten tocado con Joe Henderson e é un continuo colaborador de músicos como Luis Sclavis ou Michel Portal, co que comparte escenario dende hai décadas. O virtuoso do violonchelo Vicent Courtois será o encargado de impartir a seguinte master-class o martes 28 xuño, ás 10.00 horas no auditorio do Conservatorio Superior de Música. Finalmente, nestas instalacións terá lugar a última master-class do festival, o sábado 2 xullo, ás 11.00 horas, a cargo do zanfoñista francés Valentin Clastrier.
1119013057Daniel.jpg
1119013200Valentin.jpg
1119013327Vicent.jpg
Descargar todas as imaxes