Escoitar

O Concello recorrerá a concesión de aproveitamento hidroeléctrico da presa de Eiras

luns, 17 dec 2001
O concelleiro de Urbanismo e Facenda, Xavier Toba, anunciou a decisión do Goberno municipal de recorrer a decisión de Augas de Galicia de outorgar á sociedade Topo 2000 S.L. a concesión dun aproveitamento hidroeléctrico na presa de Eiras. O Concello de Vigo tamén optaba a esa concesión cun proxecto que, en palabras de Toba, “é notablemente mellor ca o elixido porque ten un menor impacto ambiental e garante en todo momento o subministro de auga a Vigo”.

A resolución de Augas de Galicia na que se lle outorga a concesión administrativa hidráulica a Topo 2000 autoriza a esa empresa a derivar un caudal de 22.800 litros por segundo mediante dous saltos construídos na presa de Eiras, a que fornece de auga a Vigo e a súa área metropolitana. O proxecto presentado conxuntamente polos concellos de Vigo e Fornelos de Montes prevía o aproveitamento das augas a pé do encoro, utilizando exclusivamente o caudal excedente da presa de Eiras. Ademáis, no proxecto do municipio vigués o impacto ambiental era mínimo xa que a conducción que sería preciso construír iría soterrada baixo un camiño de servicio xa existente.

Xavier Toba lamentou que Augas de Galicia optara por outorgar a concesión a unha empresa privada que presentou un proxecto “que pode poñer en risco o subministro de auga potable a Vigo e que vai realizar unha obra que terá importantes consecuencias ambientais na zona”.