Escoitar

A praza de América acollerá a festa popular de fin de ano

luns, 17 dec 2001
O Concello vai apoiar a organización dunha gran festa de fin de ano na praza de América. O éxito da celebración do pasado ano, na que se rexistrou unha gran afluencia de público que proviña incluso das vilas da bisbarra e do norte de Portugal, levou ao Goberno municipal a repetir a experiencia.

O Concello quere que as Travesas se consolide como un lugar emblemático para despedir o ano na nosa cidade. Para iso vai colaborar coa Asociación de Comerciantes das Travesas na preparación da festa. Instalarase un mecanismo conectado ao reloxo do Instituto Sta. Irene para que as badaladas se escoiten na praza e, por suposto, haberá cotillón gratuíto con diversas orquestras.

Ademais, o Goberno xa concretou a colaboración da Federación de Asociación de Veciños de Vigo e da Federación de Peñas El Olivo na organización da cabalgata de Reis. Ao redor de 200 persoas do movemento veciñal e das peñas axudarán a que a cabalgata de Reis se desenvolva correctamente. Esta colaboración formalizarase coa sinatura dun convenio no que o Concello comprometerá a aportación de millón e medio de pesetas.