Escoitar

Primeira campaña de fomento da práctica deportiva nas rapazas

luns, 17 dec 2001
imx905.jpg
A Concellería de Deportes xunto coa de Muller promoven unha campaña de fomento da práctica deportiva nas rapazas do municipio de Vigo, en colaboración coa Asociación Sociopedagóxica Ernestina Otero Sotelo.

Baixo o lema de ”O deporte é divertido, temos as de gañar” preténdese informar que a práctica deportiva non é allea ás rapazas, e que as mulleres, dentro das diferencias físicas co xénero masculino, teñen condicións, facultades e vantaxes sobre os homes para a realización deportiva como a capacidade de resistencia, a condición muscular e flexibilidade, a capacidade de sudoración ou a flotabilidade.

Nos folletos, que con motivo deste campaña se distribúen entre as escolares do concello, expóñense as razóns de por qué practicar deporte, ó tempo que se explican as diferencias que aportan vantaxe ás rapazas.

A campaña tamén informa sobre mulleres que conseguiron sobresaír no eido da práctica deportiva como a atleta Xulia Vaquero, a montañeira Chus Lago ou a patinadora Tamara Valderrama, así como o Celta-Banco Simeón de baloncesto feminino.

A mensaxe fundamental desta campaña exprésase en que as rapazas ademais de acadar marcas o pasen ben, se divirtan e teñan unha boa saúde física e síquica.

Descargar todas as imaxes