Escoitar

O Museo Marco presenta a súa programación para os próximos cinco meses

Exposicións temporais, programas didácticos, cine, concertos e unha xornada de portas abertas conforman o conxunto de actividades que terán lugar no Museo de Arte Contemporánea (MARCO) durante os próximos cinco meses.

xoves, 7 abr 2005
A programación do Museo Marco, presentada hoxe xoves pola súa directora, Carlota Álvarez, inclúe para os vindeiros meses tres exposicións temporais. A primeira delas, do 20 de maio ao 11 de setembro, titúlase "Diáspora. Dez artistas galegos no exilio norteamericano. A partir do 17 de xuño e ata o 25 de decembro será a mostra "Estrañamente familiares. Deseño e vida cotiá" a que ocupe as salas do baixo do museo. O tempo das exposicións acabará da man de Fran Herbello, do 1 de xullo ao 4 de setembro.

No tocante á programación de carácter didáctico, o Museo MARCO ofrece a continuación do programa "Artellando… no MARCO", con actividades para escolares e familias. Ademais, ao longo dos próximos meses proseguirá o curso de iniciación e o curso avanzado de arte contemporánea para adultos, así como as visitas guiadas para o público en xeral e para grupos con necesidades específicas. Para os máis pequenos haberá tamén talleres de verán co título de "Arte e matemáticas".

Dentro da oferta audiovisual do museo, proxectaranse películas pertencentes a dous ciclos monográficos, un en abril dedicado a José Val del Omar e outro a Carlos Velo, no mes de maio.

Así mesmo, o Museo Marco será escenario de varios concertos. O 15 e 16 de abril terán lugar uns concertos comentados baixo o título de "En torno a John Cage". O 14 de maio, como parte da programación de primavera do Festival Sinsal, actuará o grupo "Gang Gang Dance".

Finalmente, para celebrar o Día Internacional dos Museos, o 17 de maio terá lugar unha xornada de portas abertas con actividades para público de todas as idades.